O Arxil celebra dúas décadas na categoría de prata do baloncesto feminino

As integrantes do club verde recordan os mellores e peores momentos en Liga Feminina 2, sempre sentíndose "unha familia"
2020080416450688800
Arxil en Liga Feminina 2. DP

Compromiso e sacrificio, así define Maite Méndez ao equipo da súa vida, o Club Baloncesto Arxil. O conxunto verde celebra esta tempada 2020/2021 sou vixésimo ano consecutivo na categoría de prata do baloncesto feminino nacional. Unha fazaña ao alcance de poucos, que o Arxil conseguiu grazas ao "sacrificio de todas as xogadoras, corpo técnico e institucións" segundo a súa adestradora. Maite e Milagres Sanmartín, presidenta do Arxil, xa consideran á entidade verde como "a súa familia".

As dúas mulleres forman parte do equipo da Boa Vila desde a súa fundación en 1984, e tiveron que loitar por manter vivo a un club que leva o nome de Pontevedra por todo o territorio nacional e que pon en valor á muller no ámbito deportivo. Un club "por e para a muller", en palabras da técnica verde.

O conxunto verde pertence á liga Feminina 2 desde a creación da categoría na tempada 2001/2002

O Arxil forma parte da liga Feminina 2 desde a súa creación na campaña 2001/2002. Como en toda traxectoria deportiva, a do club verde ha tido altos e baixos. Todas os seus integrantes coinciden en que escoller unha tempada como a máis especial "é difícil". Carla Fernández, actual xogadora do conxunto verde e referente dentro e fóra da pista, asegura que "ao final de cada tempada quedas con algo".

ALTOS E BAIXOS. Destes vinte anos, once para Carla como verde, a fase de ascenso en Lugo "é o primeiro recordo que se me veu" como o máis especial. Para Maite, foi "unha experiencia inesquecible, polo sitio ao que viaxamos e polo que vivimos".

2020080416450680000
Arxil durante unha charla no banco. DP

Ana Martín, histórica xogadora do Arxil que cumpriu dezasete tempadas de verde, recorda con emoción esa campaña. "O ambiente foi moi bo, eramos todas unha piña, e ao final conseguir chegar á fase de ascenso é o"máis .

Tamén a primeira tempada en Liga Feminina 2, a da estrea que agora cumpre vinte anos, "foi moi especial porque por primeira vez tiñamos unha americana no club", asegura a técnica, para a que ademais a creación dunha nova división "supuxo colmar un desexo do club, que era subir a unha das categorías semiprofesionales". Para Sanmartín esa foi "a tempada" de entre todas.

Tamén as peores tempadas teñen un oco para o recordo, das que aprender e mellorar. "Eu creo que a máis dura foi, por agora, na que entramos en play off de descenso", asegura Maite, ante "a incerteza do que podía pasar".

As xogadoras e o equipo técnico do Arxil recordan a fase de ascenso en Lugo na campaña 2014/2015

O vestiario sufriu un refacho de resultados desafortunados, que tamén acusaron as xogadoras, frustradas ao ver que tanto esforzo non daba os seus froitos. "Enganchamos consecutivas moitas perdas", comenta a capitá Carla, "en toda a primeira volta, gañamos ao principio e despois ata a segunda volta non volvemos gañar, e cada xornada ía pesando".

As CLAVES. As mozas do Arxil xogan "por amor á arte", como di a súa adestradora, un "sacrificio" que xunto ao corpo técnico e a directiva convérteas na clave de manterse dúas décadas na categoría de prata. "A afección é, sen dúbida, a outra clave" do éxito para Maite.

"O ADN do Arxil, a garra e o dicir aquí estamos nós sendo equipo", así é como Carla concibe a unión dun vestiario no que "nunca destacamos por ter estrelas, senón polo conxunto do equipo", outra peza fundamental na fazaña do club verde.

Para Marta Taboada, histórica base do Arxil, as claves foron "a constancia, o traballo e as ganas de loitar polo equipo".

"O baloncesto deume vida"
Maite tamén celebra dúas décadas como técnica en LF2. "Estou orgullosa, cando creamos o club sabiamos que era moi complicado que un club feminino chegase onde chegamos", comenta, coa esperanza de que "veña xente que colla esta testemuña". Para ela, "deixar o legado de todos estes anos é o que máis me satisfai".

2020080416450693400

CREANDO CANTEIRA. O Club Baloncesto Arxil traballa coas súas xogadoras desde a base, apostando pola comunicación e a aprendizaxe das máis pequenas, que atopan os seus referentes nas integrantes do equipo de Liga Feminina Dúas.

"É o fillo que nunca tiven"
"¿Sabes o que é criar un fillo? Pois a Maite e a min, o mesmo co club", así fala Sanmartín do equipo ao que dedicou toda a súa vida. "Son presidenta desde o primeiro día, pomos moitas horas de traballo", asegura. Para ela o Arxil "é máis que un club, unha familia". Un sentimento compartido entre xogadoras e equipo técnico dun club que fai historia en LF2.

O Arxil desde dentro

Carla Fernández: "Levo once anos no Arxil porque para min é unha familia"

Carla Fernández. ARQUIVO

Carla Fernández cumprirá este ano a súa undécima tempada de verde. A xogadora xa se converteu nun referente dentro e fóra da pista. Chegou procedente do Carmelitas de Vigo, e agora xa suma máis de 500 asistencias en Liga Feminina Dúas. "Eu levo once anos aquí, porque para min é unha familia, non unha profesión", di convencida.

"Xogar ao baloncesto tamén podo en Vigo, pero aquí síntome a gusto e moito disto son os valores que se transmiten", comenta a xogadora, unha competidora nata que asegura non ser "capaz de quedarme queda no banco" pero para a que "os valores humanos están por encima dos deportivos".

Para a capitá verde, "o que fai que eu teña ilusión cada día é que o que flúe aí (no Arxil) vai acorde cos meus valores".

Ana Martín: "Todas quedamos pola filosofía e a forma de ser do club"

Ana Martín. ARXIL

Dezasete tempadas vestiu a camiseta do Arxil, ata que o seu corpo dixo basta. "Teño claro que se o meu corpo aguantase, seguiría xogando", comenta Ana Martín, referente do conxunto verde.

"A miña despedida foi moi especial, porque levaba moitos anos", recorda con nostalxia, "non é que me retirase porque a miña cabeza non puidese, senón porque o corpo non daba máis, e iso é moi duro".

Unha decisión que non só a apartou das pistas, senón do club da súa vida ao que recoñece como "unha familia". "Eu creo que os valores principais son Maite, San e Liño. Unha vez que tes a xente que leva o club como eles, ou che unes ao que hai ou sobras", comenta a ex xogadora, que asegura haberse mantido tantos anos vestindo de verde porque "aos que fomos chegando gustábanos a filosofía e a forma de ser do club".

Marta Taboada: "O Arxil é unha etapa da miña vida que mo deu todo mentres xoguei"

Marta Taboada. ARXIL

De entre todas as xogadoras que vestiron o verde, Marta Taboada é unha das máis queridas pola afección. A ex-base do Arxil asegura que "non podo quedarme cun único recordo, é un compendio de todos os anos vividos".

Para Marta "o concepto de familia xa é un aceno de identidade do Arxil" e destaca sobre todo "o ambiente próximo, con moitas mostras de agarimo".

A ex-xogadora viviu os seus mellores anos vestida de verde, e recoñece que o club "é unha etapa da miña vida que mo deu todo mentres xoguei".

As claves destes vinte anos en LF2 foron "o traballo, a constancia e as ganas de loitar polo equipo".

"Unidade" é a palabra coa que Marta describe a esencia dun club, o Arxil, que sempre será a súa casa.

Comentarios