As dúas caras de Pasarón

O Pontevedra é un dos cinco equipos que non perderon na casa no que vai de temporada ▶ O cadro granate é décimo primeiro con mellor bagaxe como local, ao vencer só dous partidos

Romay e Javi Pazos láianse despois dunha clara ocasión do Pontevedra contra o Fabril, no partido no que os dous marcaron. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Romay e Javi Pazos láianse despois dunha clara ocasión do Pontevedra contra o Fabril, no partido no que os dous marcaron. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Converter Pasarón nunha fortaleza. É o obxectivo do Pontevedra. De momento o equipo granate ten un comportamento bipolar no seu campo. Polo de agora foi quen de dar o mellor del mesmo e sobrepasar a algúns adversarios por personalidade, bo fútbol ou simplemente por aproveitamento dos erros rivais. Pero tamén estivo a mercede dos contrincantes, superado por opoñentes peor clasificados que lle roubaron o protagonismo ao bloque de Luismi e se fixeron coas rendas dos enfrontamentos.

A suma de tódolos factores desemboca nun Pontevedra que aínda non perdeu na casa. En media ducia de enfrontamentos como local, o PCF leva dous triunfos, contra a Cultural y Deportiva Leonesa (2-1) e o Salamanca CF UDS (2-0), e catro empates, diante do Valladolid B (1-1), o Celta B (0-0), a Ponferradina (0-0) e o domingo, contra o Deportivo Fabril (2-2).

A bagaxe da escadra granate permítelle estar entre o selecto grupo de escadras aínda invitas no seu terreo de xogo. Son cinco os equipos que non se viron aínda superados no seu territorio: os dous primeiros clasificados, Ponferradina e San Sebastián de los Reyes, o Guijuelo e o Internacional de Madrid son os outros onces do grupo I que aínda non perderon como locais.

Clasificación do Pontevedra CF en Pasarón e no global

A gran diferenza radica no rendemento que obtiveron a Ponferradina e o Guijuelo e os outros tres: tanto bercianos como xamoneiros levan cinco vitorias na casa e unha soa igualada, o que pon de manifesto a súa fortaleza coma locais. O San Sebastián de los Reyes, próximo contrario do Pontevedra, obtivo tres triunfos e tres igualadas, mentres que o Internacional ten cifras semellantes ás dos granates: dous triunfos, dos cales un foi contra o propio PCF, e catro empates.

Nunha teórica clasificación de equipos locais, o Pontevedra ocuparía a décimo primeira posición. Os datos van en paralelo coa clasificación final. É dicir, dalgunha maneira, o nivel ofrecido na casa marca o rendemento na táboa dos participantes da Segunda División B. Así, o Pontevedra é noveno na clasificación xeral total e segue a ocupar a zona intermedia na teórica ordeación por puntuación na casa. Os granates só son mellores nesa faceta ca un equipo que os supera actualmente na clasificación, o Coruxo (teñen os mesmos puntos tanto no total da temporada e como locais, pero a diferenza de goles fai mellores aos vigueses no global e aos pontevedreses no seu feudo). Sen embargo, son peores ca tres que están por debaixo del na táboa: o Unión Adarve, o Internacional de Madrid e o Valladolid B. En tódolos casos, tanto no rendemento ofrecido como locais polos equipos como na clasificación actual do grupo I, as distancias entre uns e outros non son grandes.

Tódolos participantes do grupo 1 conseguiron vencer como locais. Os dous peores son o Rápido de Bouzas, actual pechacancelas da categoría, e o Burgos, ao que a presión da súa propia bancada acabou por converterlo nun grande inimigo.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios