Asobal queda sen presidente

Adolfo Aragonés deixa o cargo tras as presións internas, co Cisne sen intención de asociarse e o Cangas frustrado ante "este balbordo"
2020082618561869704
photo_camera O Cisne contra o Cangas na final da Copa Xunta de Galicia de balonmán. D.P.

O presidente da Asociación de Clubs Españois de Balonmán (ASOBAL), Adolfo Aragonés, presentou o martes a súa dimisión a petición da Comisión Delegada tras ser reelixido o pasado mes de marzo e deixa ao Cisne sumido de novo na incerteza.

Hai apenas uns meses que Adolfo Aragonés saía reelixido presidente de Asobal e en consecuencia o Barcelona e o Logroño pedían a baixa da asociación. O Cisne tivo que esperar a que a asemblea xeral da Federación aprobase que non fose necesario asociarse en Asobal para competir na máxima categoría. Agora coa dimisión do presidente o Cisne cre que o Barcelona podería volver á asociación, pero a entidade branca négase.

"Entendemos que o Barcelona volverá reintegrarse, pero nós seguimos co mesmo, non temos intención ningunha, porque coa situación económica que se nos está poñendo aínda é máis complicado asumir o pago", explica o presidente do club, Santiago Picallo.

En principio o club non ten por que formar parte de devandita asociación, pero terán que esperar polas novas formulacións de Asobal. "Se cadra pon as pontes suficientes para que poidamos facernos socios. Nós imos participar como tiñamos previsto", aclara Picallo.

Neste novo panorama de Asobal serían dous os equipos que quedarían fóra, o Cisne e o Aranda, que acordou non darse de alta nunha asemblea interna e tería que convocar unha extraordinaria para rectificar. "Nós como non o levamos a asemblea é decisión da Xunta Directiva e veremos cal é a nova Asobal", comenta o presidente do Cisne.

Pola súa banda, desde a directiva do Cangas Balonmán non apoian a decisión de Adolfo de abandonar o cargo nun momento como este.

"Non quería que se fose neste momento, o que pasa é que el ten unha enfermidade e non aguantaría tanta presion de toda a sinvergüencería que hai en Asobal e agora que se vía un pouco de luz montan todo este balbordo", explica o presidente do club de Frigoríficos Morrazo, Manolo Camiña.

O mesmo asegura que o problema non foi Asobal, senón o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez. "Agora temos a Franquito. Aí é onde está o problema, non é Asobal, porque Asobal este ano repartirá beneficios e facía moitos anos que isto non pasaba, ou sexa que a xestión non é mala, era mala cando estaba todo maleado coa sede en Barcelona", aclara Camiña.

A máxima categoría reúnese ante un posible atraso da liga
Para resolver o panorama do balonmán nacional tras a dimisión do Presidente de Asobal, Adolfo Aragonés, este mércores a partir das 18:00 horas reunirase a Asociación de Clubs Españois de Balonmán para debater sobre un posible adiamento da liga ou os eventuais cambios que se poderían producir no formato de competición.

O pasado luns foi a quenda das federacións nacionais e onte das autonómicas, agora toma a palabra Asobal para discutir o protocolo aprobado polo Consello Superior de Deportes e chegar a un acordo sobre o posible atraso no inico da competición.

"O que nos está chegando é que hai posibilidade de que se atrase a competición, que se cambie o formato, incluso algunha proposta de xogar en burbullas", explica o presidente do Cisne, Santiago Picallo.

É posible que se fale do test, algo que asegura Picallo "ningún club está disposto a asumir" polo seu elevado custo. "Se nos piden PCRs a todos estamos a falar de entre 100 ou 140 euros por persoa é inasumible, con 34 partidos estariamos a gastar uns 60 euros niso", aclara.

A maiores, o vindeiro luns 31 está prevista unha asamble de Asobal en Madrid, pero como esta será posterior dependen primeiramente do que se resolva este mércores, o que teñen claro desde o Cisne é "que a situación se está pondo moi complicada" para o balonmán.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios