Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Os azuis, a repetir triunfo ante o Braga

Andrés Moyano nun lanzamento durante un partido. G.G.
Andrés Moyano nun lanzamento durante un partido. G.G.

O Condes de Albarei Teucro medirase este martes, de novo, ao equipo luso en terras portuguesas, co obxectivo da vitoria

O Condes de Albarei Teucro quere repetir vitoria ante o ABC Braga. Este martes terá esa oportunidade xa que o equipo pontevedrés desprazarase a terras lusas para enfrontarse aos portugueses, que mostraron unha boa cara no encontro do pasada sábado no Municipal.

A pesar do carácter amigable do encontro, o Condes de Albarei Teucro saíu moi firme á pista do Municipal para conseguir a terceira vitoria da pretempada. E así foi. Os teucristas conseguiron o tres de tres. A iso axudaron algúns xogadores como Facundo Cangiani, que volveu brillar na pista pontevedresa ante a afección realizando algunha das mellores xogadas do encontro. Cangiani anotou cinco tantos. Tamén Davor Cutura volveu exercer un bo papel con tres tantos.

Tamén destacou o lateral arxentino Andrés Moyano, que marcou cinco dianas e mostrouse moi preciso e traballador ante un equipo luso moi duro e estrito. Iso chegou a ser un problema para os azuis, que tiveron que reformular totalmente o ataque para ser capaces de romper os muros portugueses.

A pesar de ser un equipo xa coñecido polos Condes de Albarei Teucro, Luís Montes tivo que realizar moitos axustes para adaptarse ao xogo do ABC Braga. Polo equipo luso destacou Batista, con seis tantos.

O martes pola tarde, os de Luís Montes terán unha nova oportunidade para mostrar ese bo estado de forma polo que están a pasar durante a pretempada. Aos poucos, o técnico pontevedrés vai atopando fórmulas que funcionan sen problemas sobre a pista. Ademais, as novas fichaxes están a adaptarse bastante ben ao esquema de xogo teucrista, o que fai que as cousas sexan moito máis fáciles para o adestrador.

O encontro en Braga tamén será unha oportunidade para volver dar minutos aos xogadores da filial. Durante o encontro do Municipal cumpriron coas expectativas e destacou o labor de Cristian Remeseiro e Sergio Pérez, que foron capaces de marcar goles. Tamén tivo minutos, de novo, o porteiro Ángel Noya, que deixou algunha que outra boa parada e posiblemente teña o martes e a oportunidade de repetir baixo os paus.

Tras o encontro deste martes, o Condes de Albarei Teucro enfrontarase á Copa Galicia o xoves e o sábado desprazarase ata León para medirse ao Ademar nun encontro amigable durante a presentación do conxunto leonés.

Os azuis, a repetir triunfo ante o Braga
Comentarios