As baixas asolan o Pontevedra

Víctor Vázquez estará entre tres e catro semanas fóra do equipo por unha luxación de cóbado ▶Kevin sofre unha escordadura no xeonllo esquerdo e Campillo e Berrocal non adestraron este luns

Víctor Vázquez sae do campo acompañado do doutor Barragáns tras mancarse no cóbado. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Víctor Vázquez sae do campo acompañado do doutor Barragáns tras mancarse no cóbado. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O sábado 13 de outubro, antes de comezar a última sesión de adestramento do Pontevedra Club de Fútbol previa ao partido contra a Ponferradina, Luismi tiña á súa disposición a tódolos futbolistas do equipo granate.

Dezasete días despois, o adestrador vigués ten que esquivar aos caídos en combate no campo de batalla para poder elaborar unha aliñación de garantías para o choque contra o Guijuelo.

Dúas semanas foron de abondo para que o técnico vise mancarse a varios membros do colectivo. As últimas baixas son as de Víctor Vázquez e Kevin.

Sen baixas
O 13 de outubro o equipo granate tiña a enfermaría libre

O central marinense estará fóra dos terreos de xogo entre tres e catro semanas. O zagueiro padece unha luxación do cóbado esquerdo. Durante os últimos minutos do partido contra o Salamanca CF UDS, Vázquez disputou un balón con Owusu. Na pelexa, o futbolista do Pontevedra caeu arrolado polo adversario e sufriu unha torsión do seu membro superior que derivou na luxación que lle fará estar lonxe do céspede durante algo menos dun mes.

Afortunadamente para o deportista e para o seu equipo, as probas médicas que se lle realizaron descartaron unha fractura ou fisura ósea.

Minutos antes de que Víctor sufrise a súa desgraza, Kevin tamén tivo que ser substituído por problemas físicos. O futbolista de Ponteareas esvarou coa perna esquerda, que fixo un movemento estraño que lle produciu unha recaída da doenza que tivo hai unhas semanas no xeonllo. Os servizos médicos do Pontevedra diagnosticáronlle unha escordadura e esperan á resonancia magnética que lle farán este martes para acotar o tempo que estará de baixa. Kevin non se descarta para o duelo contra o Guijuelo, aínda que o tempo corre na súa contra.

Non foron os únicos dous xogadores que non traballaron este luns ao ritmo dos demais compañeiros. Alberto Campillo levou un golpe na coxa no treito inicial do enfrontamento dominical. O defensa vigués aguantou o partido con molestias, pero este luns optou por non traballar para evitar complicacións.

León traballa con balón
O cántabro comezou a tocar balón este luns e Luismi confía en telo ás súas ordes en Guijuelo

Berrocal tampouco se exercitou cos demais titulares do domingo, ao padecer unha contusión no pé. Luismi confía en que tanto o dianteiro coma o central estean ás súas ordes para realizar a viaxe a Guijuelo e disputar o envite do domingo.

A evolución da semana marcará as posibilidades de ámbolos dous futbolistas.

Outro dos que é dubida para a fin de semana, dependendo das súas sensacións co paso dos días, é Adrián León. O xogador cántabro traballou con balón á marxe dos seus compañeiros na sesión do luns. Xa se perdeu o duelo contra o Salamanca por unhas molestias musculares nos isquitibiais que o acompañan desde a segunda xornada de Liga, cando debeu ser substituído na primeira parte do choque contra a Cultural Leonesa.

Romay e Álex. A tódolos anteriores hai que agregarlles a Romay, que se rompeu muscularmente o mércores pasado durante un adestramento e estará dúas semanas máis fóra dos terreos de xogo, aproximadamente, e ao primeiro que caeu en desgraza, Álex Fernández, que vai recuperándose paseniñamente da súa seria doenza muscular. Teoricamente non poderá volver vestir de curto ata o ano que vén.

Coas ausencias confirmadas de Romay, Álex Fernández e Víctor Vázquez, a máis que probable de Kevin Presa e as dúbidas de Adrián León, Campillo e Berrocal, Luismi terá que estar moi atinado para poder construír un equipo de garantías que lle permita ao Pontevedra manter a súa firmeza defensiva no seguinte compromiso de Liga, contra o Guijuelo en terras salmantinas.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios