Bea Gómez rebaixa a súa marca en 400 libres

A nadadora non chegou á final, pero foi terceira na súa serie
Bea Gómez, durante una prueba. DP
photo_camera Bea Gómez, durante unha proba. DP

A nadadora pontevedresa Bea Gómez, despediuse do Europeo de Glasgow con moi boas sensacións ao conseguir rebaixar a súa marca na última proba que disputou, a de 400 libres.

A deportista chegaba á competición co cuarto mellor tempo da súa serie (4:14. 56) na que competía contra dez rivais. Gómez conseguiu o terceiro posto, cun tempo de 4:10.28, quedando por detrás da austriaca Claudia Hugnagl (4:08.64) e da turca Merve Tuncel (4:09.69).

Respecto ao resto de representantes nacionais, a pontevedresa quedou preto de Paula Juste (4:09.00) e superou amplamente a Ainhoa Campabadal (4:16.77).

A final da proba estivo moi apertada e levoulla a italiana Simona Quadarella (3:59.75). Cun tempo similar foi prata a alemá Isabel Gose (3:59. 94). O podio pechouno a húngara Ajna Kesely que estivo a piques de baixar dos catro minutos (4:00.04).

A pesar de non poder pasar da rolda preliminar en ningunha das probas, a nadadora vaise con boas sensacións

Gómez non conseguiu alcanzar ningunha das finais do torneo, xa que nas dúas probas que disputou con anterioridade tamén quedou nas roldas preliminares. Tivo unha boa actuación en 400 estilos, cun tempo de 4:39.16 que lle serviu para obter o sexto posto de nove na súa serie e mellorar a marca coa que conseguiu o bronce no Campionato de España.

Doutra banda, nos 200 metros estilos, a pontevedresa foi sétima nun grupo de nove que conformaban a súa serie. Na proba, Gómez chegaba como a peor fronte aos seus rivais e conseguiu mellorar a súa marca (2:13:23).

A pesar de non poder pasar rolda preliminar en ningunha das probas, a nadadora vaise con boas sensacións do torneo ao conseguir rebaixar a súa marca en todas as probas.

Gómez seguirá loitando por alcanzar o soño de Tokio 2020, intentado volver a unha cita mundialista oito anos logo de Londres 2012.

Comentarios