"Eu non xogo para as cifras, senón para pasalo ben. E neste Pontevedra estou moi contento"

No verán cambiou Santiago por Pontevedra. E o domingo volta a San Lázaro, un lugar que foi a súa casa, no que foi feliz e medrou como xogador. Despois de ser referencia no Compostela, Brais Abelenda está a responder ás expectativas vestido de granate. O valdubrés fala do seu pasado, do seu encaixe en Pasarón e do futuro como futbolista
Brais Abelenda, este luns en Pasarón. DAVID FREIRE
photo_camera Brais Abelenda, este luns en Pasarón. DAVID FREIRE

Brais Abelenda (Val do Dubra, 1995) vivirá esta fin de semana un partido especial contra o Compostela, o seu exequipo.

Acumulan xa dous paróns. Estalles vindo ben para descansar ou un sempre quere xogar?
Eu penso que cando as cousas están saíndo tan ben, un non quere parar. Pero si que nos ven ben para descansar e recuperar á xente que está lesionada como Rufo ou Oier.

Semella que puxeron velocidade de cruceiro.
Collemos unha racha moi boa, a verdade. Custounos comezar e non estamos no primeiro posto por mor desas cinco primeiras xornadas nas que fixemos catro puntos. Agora temos que seguir, porque o que vai líder non para de gañar e nós temos que seguir nesa liña.

Que nota lle pon á primeira volta?
Quitando ese inicio, a verdade é que sería moi boa. Pero é certo que ese inicio complicounos as cousas. Tivemos que ir a remolque. Parecía que se non gañabamos en Luanco xa… A verdade é que agora estamos moi contentos. Creamos un estilo de xogo que nos gusta a todos. Así que a ver se podemos facer unha segunda volta igual ou mellor. Porque se non nos dá tal e como o estamos facendo agora, hai que mellorar.

O cambio de equipo
"Intento non acomodarme nun sitio. O Pontevedra ten moitas gañas de chegar ao fútbol profesional"

Este domingo xogan en Santiago o primeiro partido da segunda volta. É máis decisivo do que parece?
Faltan moitos partidos. Pero si que é un duelo bastante decisivo tamén porque os dous estamos nunha liña moi parella. Non se sabe o que pode pasar ao final nese goalaverage. Co empate da casa, unha vitoria viríanos moi ben.

Será moi especial para vostede.
Si, porque vivín case toda a miña carreira deportiva alí, salvo cinco anos. O Compos acolleume xusto cando eu marchei do Racing. Naquel momento a miña autoestima era un pouco baixa. Devolveume esa ilusión e fíxome seguir disfrutando do fútbol.

Como afronta ese retorno despois das críticas que houbo porque marchase para un equipo da mesma categoría?
Afróntoo ben. Deixei moitos amigos e teño xente coa que estou en contacto todos os días e nos vemos, teño ido ao estadio este ano a ver partidos… Teño moitas gañas e ilusión polo partido. Os cambios son cousas do fútbol. Un intenta non acomodarse nun sitio. A longo tempo verase se foi un cambio para mellor ou non. Eu tomei a miña decisión e cando acabe en Pontevedra, verase o balance.

Por que decidiu apostar polo PCF se tiña ofertas de Primeira RFEF?
En consecuencia do proxecto que pode ter o Pontevedra a longo prazo. Ten moitas gañas de chegar arriba, ao fútbol profesional. Aínda estamos lonxe, pero o club está facendo as cousas moi ben. A min gústame xogar e se fose para un Primeira RFEF ao mellor non tería tantos minutos como aquí. E tamén quero estar preto da casa. Síntome con máis confianza e que podo amosar máis fútbol a raíz de estar feliz, preto da casa.

Brais Abelenda, este luns en Pasarón. DAVID FREIRE

Falaba antes da súa etapa no Compos. Canto foi de importante para vostede o técnico Yago Iglesias?
Para ser o xogador que son hoxe en día de xogar entre liñas e ver o fútbol como o vexo, bastante. Madurei como xogador con el. Débolle moito. Gústalle tanto o fútbol combinativo e os espazos que che deixa pegada. Está todos os días incindo nos espazos. Os adestramentos están baseados en ocupación de espazos, en que os xogadores non teñen posicións, en que se un deixa un espazo o outro debe ocupalo… Penso que me inculcou moito diso e agora vin para un sitio que formamos un equipo que se adapta moi ben a ese tipo de xogo.

Que o Pontevedra lle deixase claro que esa ía ser tamén a idea de xogo aquí foi chave para convencelo.
Si, a verdade é que fichamos xente que somos dese estilo. Soto, que vén da mesma dinámica, Yelko, Javi Rey, Alberto (Rubio), a Seoane, tamén lle gusta… Fichamos xente coa mesma ideoloxía de fútbol, digamos. E estamos combinando moi ben entre todos.

Na súa carreira foi dianteiro, mediapunta, extremo, interior e ata lateral. De que xoga Brais Abelenda?
(Ri) Intento xogar detrás do punta. Gústame xogar onde estou xogando agora, con liberdade para moverme por todo o campo. Estou moi cómodo. Se teño que xogar na banda, non me atopo tan cómodo, pero intento sempre tirar cara dentro e así recibir entre liñas, que é onde me gusta. A verdade é que estou moi contento de estar aquí. Con estes xogadores que dá gusto xogar.

Ao principio quizais sufriu máis no 4-3-3 como interior de ida e volta.
Si. Penso que me custou máis, porque non estaba habituado. Teño por costume xogar de costas á portería e ter que recibir entre medios e defensas. Estaba recibindo un pouco máis atrás e non me estaba atopando moi cómodo. Coa chegada de Yelko, se nos liberou máis aos que estabamos por dentro. Axodounos moito a asentar o xogo combinativo.

A súa posición ideal
"Gústame xogar detrás do punta, como agora. Ao principio custoume, pero a chegada de Yelko liberounos"

Suma as mellores cifras da súa carreira. Está na súa plenitude?
É difícil dicilo. O ano pasado houbo momentos nos que tamén me atopei moi, moi cómodo. A lesión de Primo condicionoume un pouco por ter que xogar de dianteiro referencia. Esta tempada estou un pouquiño máis liberado. Ao mellor a liga non é como a doutros anos e estamos tendo moitas chegadas. Iso tamén axuda a sumar números. Eu trato de disfrutar dentro do campo, de xogar ao fútbol que é o que me gusta. De pasalo ben, sobre todo.

Despois de tantas voltas, está a disfrutar por fin da súa profesión?
Si, penso que para os xogadores sub-23 en equipos de Segunda B ou Terceira custa moito meterse na dinámica. Non o conseguín na miña etapa no Racing de Ferrol e agora levo catro anos nos que estou tendo continuidade e liberdade á hora de xogar porque lle parece ben aos adestradores... E atópome moi a gusto dentro do campo e disfrutando da profesión.

Ponlle máis contento un gol ou unha asistencia?
Co gol disfrútase, pero coa asistencia disfrutan dous xogadores. Así que prefiro unha asistencia (ri).

Por que celebra os goles co xesto do teléfono?
Houbo unha etapa cando estaba en Santiago que vivía no pobo e ía polas mañas a A Coruña, a estudar en INEF. Á moza dicíalle que se me facía duro o treito de coche e ela sempre me chamaba para facermo ameno. Así que eu díxenlle: Se meto gol, eu voute facer unha chamada lembrándome de ti. Agora asóciaseme moito co teléfono. Creei unha pequena imaxe que á xente lle gusta e a min tamén.

Brais Abelenda celebra un gol simulando una llamada de teléfono. DAVID FREIRE

Soña co fútbol profesional?
A verdade é que si. Todos os nenos soñan con chegar. Eu traballo e intento ser o máis profesional posible para, se chego, estar preparado. Por que non? Hai xente que debuta con 20 anos e outros con 32. Nunca hai que perder a esperanza, aínda que a día de hoxe non me vexo. Se ao mellor chego algún día, direi: Pois si que podo xogar aquí. Pero agora mesmo si que o vexo un pouquiño lonxano porque non estou nesa dinámica de adestrar con xente de Segunda.

Que cre que lle falta para poder competir nel?
Penso que me pode faltar ser un pouquiño máis egoísta. Hoxe míranse moito as cifras e ao mellor non xogo de cara as cifras, senón para pasalo ben. Penso que me falta un pouquiño ese egoísm: a maldade de chegar á área e buscar o gol. Quizais fáltanme moitas máis e por iso non estou aí, pero penso que esa é unha das cousas.

Comentarios