Piragüismo

Bronce pontevedrés mundial

Pablo Crespo e Diego Piñeiro conseguen o terceiro posto en C-2 júnior no Mundial de Maratón de China. Ambos debutaban por primeira vez nunha proba internacional
Diego Piñeiro (izquierda) y Pablo Crespo (derecha) tras ganar el bronce en el mundial. CEDIDA
photo_camera Diego Piñeiro (esquerda) e Pablo Crespo (dereita) tras gañar o bronce no mundial. CEDIDA

Os padeeiros da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Pablo Crespo e Diego Piñeiro, conseguiron onte o bronce en C-2 da categoría júnior no Mundial de maratón celebrado en Shaoxing (China). Os dous mozos levan competindo como parella de embarcación preto de tres anos. Esta é, probablemente, unha das razóns polas que os pontevedreses xogaron un moi bo papel na súa primeira competición internacional.

O presidente do seu club comentou que "foron tranquilos toda a competición, conseguindo manter o ritmo, cun pouco de nervios ao principio, loxicamente, porque era o seu primeiro debut nunha proba internacional". Pero a boa saída que Pablo e Diego tiveron serviu para que non baixasen a garda en ningún momento.

Os dous pontevedreses debutaron por primeira vez nun mundial tras tres anos competindo como parella de embarcación

Durante os cinco porteos nos que se dividía a categoría júnior, os pontevedreses mantivéronse no terceiro posto, tratando de recortar distancia cos dous primeiros, sen baixar o nivel. O primeiro e o último porteo foron os mellores dos pontevedreses, nos que estiveron preto de adiantar a súa posición, quedándose a vinte e trinta segundos, respectivamente, dos que ían por diante.

Finalmente, terminaron cun tempo final de 1:27.54, a tan só 26 segundos dos segundos e un minuto e catro segundos dos primeiros. A Cidade de Pontevedra conseguía así o bronce mundial da man desta dúas novas promesas. Pablo e Diego non foron os únicos galegos que triunfaron no mundial e é que os grovenses Diego Romeu e Ton Campos conseguiron o ouro en sénior C1, tras un bo sprint final cun tempo de 17m e 17s e a prata con 16m e 18s, respectivamente. Antonio Palmas, de Vilaboa, pola súa banda, finalizaba no posto 16 en sénior K-1.

A tranquilidade e unha boa saída fixo que os padeeiros mantivesen a terceira posición que lles daría o bronce

As medallas dos galegos súmanse ás conseguidas para España por Irati Osa, bronce en maratón en K-1, Eva Barrios, bronce en K-1 feminino e Celia Toledo, outro bronce en K-1 júnior. O bo papel de Pablo Crespo e Diego Piñeiro no mundial fai que tanto o club como os deportistas miren cara a próximos retos do futuro.

O presidente do Cidade de Pontevedra afirma que "a idea é que o ano que vén, aínda que vai ser máis complicado porque son sénior, sigan mantendo este nivel e prepárense os próximos selectivos, que eu creo que eles se van a enfocar máis polo maratón, que é o que a eles máis lles encaixa".

Cando se notan os xenes
Se é certo que os fillos se parecen aos seus pais, Pablo Crespo é un dos mellores exemplos diso. O novo padeeiro ten unha moi boa razón para haberse coroado tan nova nun mundial e é que ten en casa a dúas lendas do piragüismo que parecen haberlle transmitido a paixón por este deporte.

A súa NAI
Ana María Penas Balchada fixo historia ao converterse na primeira galega en disputar tres Xogos Olímpicos: Barcelona 92, Atlanta 96 e Sídney 2000. A pontevedresa conseguiu acumular nove medallas mundiais entre 1997 e 2001, seis bronces e tres pratas, coroándose como unha das mellores deportistas da época.

O seu PAI
José Manuel Crespo Villanueva participou por primeira vez nuns JJOO en Atlanta 96, en C1 500 e 1000 metros, conseguindo o cuarto posto en semifinais. O galego volveu repetir a experiencia en Sídney 2000, completando a súa longa lista de éxitos con numerosas competicións nacionais e internacionais.

ORGULLO
Ver como un fillo segue os seus pasos nun orgullo para calquera pai e máis no caso de Pablo, que no seu primeiro mundial conseguiu un terceiro posto. José Manuel Crespo chegou a chancear cos seus amigos, presumindo de que o seu fillo fixo un mellor debut que el no seu momento.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios