Os campións de España foron recibidos no Concello por Lores e Tino Fernández

Alcalde e tenente de alcalde destacaron o "enorme orgullo" que sente Pontevedra pola fazaña do Cisne xuvenil
Recepción aos xuvenís do Cisne no Concello. DP
photo_camera Recepción aos xuvenís do Cisne no Concello. DP

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde e concelleiro de deportes, Tino Fernández, recibiron este mércores no Concello ao equipo xuvenil do Club Cisne Balonmán, que vén de conquistar o campionato de España tras vencer na final ao FC Barcelona nun histórico triúnfo.

Durante o acto, que contou coa presenza do presidente do Cisne, Santiago Picallo, membros do corpo técnico do equipo pontevedrés, e o presidente do colexio Los Sauces, Manuel Casal, e maila súa xefa de estudos, ademais de portar con eles o trofeo acadado, os xogadores trouxeron como agasallos para Lores e Fernández dúas camisetas do club e un panel cunha fotografía de todo o plantel celebrando a victoria ante o Barça. 

En contrapartida, os heroes deste campionato nacional xuvenil levaron para casa un agarimo do Concello de Pontevedra (unha pulseira axustable co logotipo do Concello) e, sobre todo, as felicitacións e a admiración do rexedor municipal e do concelleiro de deportes pola xesta que acaban de realizar.

Neste sentido, Lores, que mesmo chanceou sobre o estado de forma de Picallo, aseguroulles aos talentos da canteira do Cisne que supoñen un motivo de "enorme orgullo" para a cidade e "un exemplo para todos os pontevedreses", ao tempo que lles lembrou os sacrificios que o deporte leva consigo e amosouse convencido de que "algúns deles estarán pronto xogando balonmán ao máximo nivel".

Pola súa banda, Tino Fernández subliñou a importancia desta victoria contra equipos da talla do Barcelona ou o Ademar, "xa que ser campión de España xuvenil significa non só ser o mellor equipo español, senón ser o mellor ou estar entre os mellores de Europa".

Comentarios