Carró, peor do esperado

O pivote do Dicsa Modular Cisne acode este xoves ao traumatólogo para valorar se debe pasar polo quirófano tras a luxación de ombreiro que sufriu ao caer nun adestramento
2020081316425710392
photo_camera Chalo Carró disputando un partido de Liga Asobal contra o Huesca co Teucro. DAVID FREIRE

Gonzalo Carró, a fichaxe estrela do Cisne para esta tempada, acode este xoves a un especialista en traumatología para valorar os resultados da resonancia á que se someteu o pasado venres e tomar así unha decisión tras a súa caída sobre o ombreiro esquerdo: operar ou recorrer a un tratamento conservador.

Xa pasaron dúas semanas desde que o pivote coruñés sufriu unha caída adestrando e como consecuencia unha luxación no ombreiro esquerdo. De primeiras, a lesión aparentaba ter un prognóstico alentador, pero tras os resultados da resonancia Carró decidiu acudir a un traumatólogo para saber como proceder ante unha caída que parece ser "un pelín máis grave do que pensabamos", segundo explica o presidente do club, Santi Picallo.

O propio Carró confesou terse sorprendido cos resultados da resonancia pola falta de dor tras a caída. "Eu estou moi ben, non me doe nada e é bastante estraño. Levámonos unha sorpresa porque levo desde o primeiro día sen dor e era moi raro logo dunha luxación de ombreiro", explica o pivote.

Coa visita ao traumatólogo, a fichaxe do Cisne pretende ditaminar con exactitude a gravidade da súa situación e saber como proceder na recuperación. "O resultado sabemos que non é moi positivo, pero era difícil coa lesión que tiven. Agora hai mil xeitos de valoralo: pódese levar a cabo unha operación, pódese facer un tratamento máis conservador, pero ao final será a xuízo do traumatólogo", explica Carró e engade: "Igual o doutor veme e di que estou ben, hai que esperar un pouco".

De pasar por quirófano, a rehabilitación prolongaríase e a volta de Chalo ás pistas tería que esperar polo menos catro ou cinco meses. "Para nós evitar a operación sería o máis conveniente, claro", aclara Picallo, aínda que desde o club queren "o mellor para o xogador".

Con todo, Carró é consciente de que o tratamento alternativo para evitar a cirurxía tamén require dun tempo: "Sería menos que unha operación pero tamén se podería alargar, depende de como me vaia sentindo".

Nun principio, a liga arrincará en menos dun mes, polo que o pivote non poderá xogar no debut do Cisne. Pero a situación do coronavirus non está a facilitar a volta á competición e o panorama deportivo pende dun fío. "Se a liga non comeza en setembro e empeza en novembro... gañariamos en tempo, claro. Pero hai que ver", comenta Santiago Picallo.

Polo momento ao Cisne só quédalle esperar pola decisión de Carró, que dependerá totalmente da última palabra do especialista.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios