A pontevedresa Celia Cerviño conquista o seu primeiro ITF

A tenista levou o título de dobres formando parella coa portuguesa Matilde Jorge, coa que xogaba por primeira vez
Celia Cerviño. DP
photo_camera Celia Cerviño. DP

Celia Cerviño xa pode dicir que é campioa ITF. A tenista pontevedresa levantou o seu primeiro título do circuíto o pasado sábado, na localidade lusa de Santarém. Fíxoo ao gañar o cadro de dobres do 15K da localidade xunto á moza lusa Matilde Jorge, coa que formaba parella por primeira vez.

O tándem xurdiu da improvisación no propio torneo e a receita resultou perfecta. O dúo hispanoluso levou a vitoria na final ante a portuguesa Sara Lanca e a rusa Ekaterina Shalimova, segundas cabezas de serie, na que Cerviño e Jorge gañaron con certa solvencia por un resultado de 6-3 e 6-2. Desta forma, Cerviño comezou con bo sabor de boca a segunda parte da súa tempada, na que se vai a enfocar en xogar unicamente ITFs, deixando de lado o circuíto IBP da Real Federación Española de Tenis, no que cultivou un título no cadro individual do Challenge de Puertollano en agosto.

Celia caeu en primeira rolda de singles fronte á portuguesa María Inés Fonte (6-1 e 6-2). Supuxo un revés para a lerezana, que viaxaba a Santarém con moita ilusión tras as sesións específicas de traballo no Club de Tenis Pontevedra ás ordes dos seus adestradores Chipi Agrelo e Tozé Pinto. Pero non hai mal que por ben non veña.

Cerviño repúxose e enfocou as súas enerxías no cadro de dobres xunto a Jorge. Ambas gañaron en primeira rolda á irlandesa Ruth Copas e a lusa Alexandra Silva (6-4 e 6-1) para citarse en cuartos de final coa parella cabeza de serie número un do torneo, formada por Francisca Jorge (irmá da compañeira de Celia) e a ceutí Olga Parres, á que venceron por 6-4 e 6-2. Esa vitoria impulsou á parella, que en semifinais derrotou á portuguesa Inés Murta e a ucraína Elizabet Hamaliy no partido máis duro do torneo (6-4, 3-6 e 10-6 no súper tie-break). Foi o paso previo para levar a vitoria -a primeira para ambas nun ITF- na final fronte Lanca e Shalimova, segundas cabezas de serie.

Coa alegría desta vitoria debaixo do brazo pero tamén coa concienciación de que debe mellorar no cadro individual, Cerviño xa traballa no Club de Tenis Pontevedra para preparar o torneo 25K de Sevilla, cuxa previa disputará desde este mesmo sábado. A xogadora lerezana emprenderá viaxe á capital andaluza o venres para intentar acceder ao cadro final do torneo de máis entidade do seu calendario -o resto son 15K-.

Celia desde que regresou a España este verán, gañou o IBP de Puertollano, fixo semifinais no de Don Benito e cuartos de final no de Baza. Ademais, é dobre campioa galega absoluta, tanto en individual como en dobres.

Comentarios