O ciclismo pontevedrés está de 'volta' en Zamora

O G.D. Supermercados Froiz regresa á competición coa primeira saída da tempada que servirá como exame físico tras o duro confinamento e a falta de adestramentos
2020071317212370241
photo_camera O G.D. Supermercados Froiz adestrando para a volta á tempada

O G.D. Supermercados Froiz volve mañá á estrada para afrontar o primeiro reto da tempada, a Volta a Zamora, dando inicio ao calendario elite e sub-23 en España.

O reto arrinca ás sete da tarde cun prólogo de tres quilómetros e medio sobre chairo. O mércores a etapa será de 90 quilómetros, novamente sobre terreo chairo, pero cun posible perigo engadido, o vento.

A xornada do xoves corresponde coa etapa reina da Volta, un total de 129 quilómetros cun desnivel duns 3.000 metros. O circuíto finalizará o venres coa cuarta etapa que deixará o nome do vencedor.

Evaristo Portela, director da escuadra ciclista, manifestou o seu medo tanto á etapa do mércores como á do xoves que servirá tamén "para pór a proba aos corredores". "Preocúpame o mércores, é unha etapa moi curta e con vento. Haberá que ir co coitelo nos dentes e estar atentos, porque non se vai a gañar a volta nesta etapa, pero si se pode perder".

A pesar de ir con cautela insiste en manter unha actitude moi positiva de face á primeira volta. "Levamos un bloque moi forte. Será a estrada a que decida". O equipo fíxose xa con cinco vitorias na Volta de Zamora e o venres podería volver coa sexta.

Samuel Blanco: Eu, de forma individual, creo que estou en boas condicións para encabezar a carreira. 

Samuel Blanco, unha das apostas máis fortes de Evaristo, asegura sentirse "en boas condicións para encabezar a carreira". Os ciclistas levan xa dous meses de preparación con concentracións en diferentes puntos de España e tras os test de esforzo, que serviron para puír pequenos detalles, chegan agora en plena forma á estrada.

Samuel resaltou que "calquera do equipo pode estar para disputar a volta", pero nesta ocasión estará acompañado unicamente por Adrián Barros, Iván Martínez, Marcos xurado, Víctor Romeu e Patrick Videira.

Volvendo ao circuíto, Samuel destaca o súa preocupación polas dúas últimas etapas onde "as forzas de cada un serán as que manden".

Iván Martínez, pola súa banda, asegura que "todos os días son complicados en Zamora", referíndose tanto ao problema do vento que manifestaba Evaristo como a outras dificultades engadidas que nacen en carreira.

Iván Martínez: Eu sei que todos os equipos están con ganas, pero creo que o que sufra menos o parón levará a Volta.

De face a próximas citas, o director do club comentou a súa intención de participar na Volta a Ávila, pero tras coñecer o seu aprazamento agora no calendario atópase a Clásica en Beasain o próximo 25 de xullo e posteriormente o Campionato Galego de fondo o 1 de agosto en Gondomar. O seguinte chanzo serán as probas para a Copa de España.

Os ciclistas enfróntanse a unha tempada con poucas oportunidades no calendario e será necesario aproveitar ao máximo cada encontro.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios