O Dicsa Modular Cisne acusa o "cansazo" e as baixas nun "persoal curto"

Os xogadores están a verse lastrados por non contar con apenas descanso entre unha viaxe e outra 
Imagen de archivo de un partido del Cisne. RAFA FARIÑA
photo_camera Imaxe de arquivo dun partido do Cisne. RAFA FARIÑA

A novena derrota do Dicsa Modular Cisne, nun mes crave, non preocupa en exceso aos xogadores brancos que son conscientes de que factores como o cansazo producido pola cantidade de partidos disputados ou a falta de homes de recambio, están a ser determinantes na súa procura da segunda vitoria, que se está resistindo.

O pivote defensivo Álex Conde asegurou o pasado sábado, tras a derrota ante o Benidorm, que os rivais adoitan ser "máis físico" e iso estalle pasando factura. Ademais o xogador vigués considera que a inexperiencia na categoría está sendo determinante. "Temos a mentalidade de sempre. Somos un equipo novo na categoría", afirmaba Conde tras caer en terras valencianas.

Para rematar o pivote branco tamén fixo referencia a un calendario moi apertado, un dos maiores factores que está sufrindo o conxunto pontevedrés. "Hai baixas, o persoal é curta, moitas viaxes... Está a pasarnos un pouco de todo", recalcaba Álex Conde que hai unha semana finalizaba a partida fronte ao Bidasoa con molestias, pero se recuperou a tempo para o tourmalet cisneísta.

SEN ESCUSAS. Na mesma liña que o pivote defensivo, o extremo dereito José Leiras asegurou tras o partido de Benidorm que os xogadores do Dicsa Modular Cisne están a verse lastrados polo maratón de choques e viaxes que lles está deixando sen apenas descanso entre unha viaxe e outra. "O cansazo non pode ser unha escusa, pero non estamos afeitos a este tute", destacou Leiras que engadiu que iso "poida que teña algo que ver".

Sobre a derrota ante un "adversario directo", o extremo branco asegurou que "as rotacións do contrario foron fundamentais" xa que, grazas ao seu fondo de armario "estiveron máis frescos", un feito que determinou o encontro e o resultado.

Un persoal curto e un calendario sen apenas respiro están a marcar o debut do Cisne na máxima categoría que o caeu ante Benidorm e que o mércores terán unha nova proba de lume ante o Guadalaxara.

Comentarios