25-25. O Cisne deixa fuxir vivo ao Dominicos

O equipo pontevedrés suma un empate na primeira xornada do sector xuvenil de Madrid ► Carlos Álvarez foi o máximo goleador do partido con oito dianas

Jaime Leira lanzando a portería durante o derbi contra o Teucro desta temporada. DAVID FREIRE
photo_camera Jaime Leira lanzando a portería durante o derbi contra o Teucro desta temporada. DAVID FREIRE

O Club Cisne deixou fuxir a ocasión de abrir cun triunfo o sector nacional que comezou no Polideportivo da Sagrada Familia de Madrid. O equipo pontevedrés levou a iniciativa no marcador durante todo o encontro e sempre dispuxo de vantaxes no resultado, a excepción dos últimos minutos, nos que os Dominicos de Zaragoza equilibraron o marcador e mesmo conseguiron a súa única vantaxe no electrónico. Sen embargo, nese momento o bloque de José Manuel Chan foi quen de poñer toda a súa personalidade sobre a cancha para equilibrar o marcador e obter un punto que pode ser moi valioso ao remate do sector.

O Cisne comparecía como campión de Galicia na escena madrileña e, a pesar de gran xuventude que define ao seu plantel, formado en gran medida por compoñentes de primeiro ano, saíu disposto a facer valer a súa condición. Superado o minuto cinco, un gol de Víctor Fernández concedíalle a primeira vantaxe de máis dun tanto ao bloque pontevedrés (3-1). O Dominicos parecía equilibrar a contenda minutos despois (3-3), pero era un espellismo. O balonmán veloz dos pontevedreses e o acerto no lanzamento, especialmente de Carlos Álvarez, David Sineiro e Víctor Fernández fixo que os pontevedreses fuxisen no marcador ata unha máxima diferenza de cinco goles (13-8) no minuto 22.

Ao descanso, os cisneístas vencían por tres (15-12). Despois do paso polos vestiarios, os maños tiveron un conato de reacción abortado con contundencia polo Cisne, que fuxiu con catro goles de máxima renda no segundo acto (20-16, minuto 37).

Entón si, chegou a reacción dos aragoneses, que se amosaron máis duros en defensa desde ese momento, ata darlle a volta ao tanteador a dous minutos escasos da conclusión do enfrontamento.

Entón, Víctor Fernández volveu asumir a responsabilidade na súa escadra para equilibrar o partido coa última diana (25-25), a falta de un minuto e medio para pechar o envite.

Despois dese momento, o resultado xa non se movería.

Ficha técnica:
25- Cisne Los Sauces: Iván Pérez, Carlos Álvarez (8), Sergio Álvarez (3), David Sineiro (5), Carlos Costa, Víctor Fernández (6), Anxo Fraga, Fran García, Román Arboleya, Ricardo Antón González (1), Mateo Arias (2), Jaime Leira, Diego García, Dani Virulegio, Angelo Chaves y Bruno Da Rocha.
25- Dominicos de Zaragoza: Jorge Pardos, Pedro Morales (2), Marco Pueyo (1), Alberto Hernández, Juan Franco, Diego Fernández, Javier Urgel, Jorge Muela, Nicolás Rodríguez, Diego Fernández (4), Fernando Casasnovas (2), Nacho de Haro (2), Raúl Serrano (5), Diego Serrano (1), Miguel Ángel Pérez (8) y Alejandro Sanz.
Árbitro: Pérez González y Díaz-Flores Gómez- Calcerrada. Escluiron con dous minutos aos zaragozanos Fernando Casasnovas e Miguel Ángel Pérez (2).
Marcador cada cinco minutos: 2-0, 4-4, 8-6, 11-8, 13-10, 15-12-descanso- 18-15, 20-17, 20-19, 23-22, 24-23 y 25-25.
Incidencias: Partido correspondente á primeira xornada do sector D do Campionato de España xuvenil de balonmán disputado no pavillón Sagrada Familia de Madrid.

 

Comentarios