O Cisne, obrigado a emigrar

O club pontevedrés está a pechar a disputa de varios encontros amigables en Portugal debido a que a Xunta de Galicia non permite que se xoguen en territorio autonómico
2020081217091192305
photo_camera Jabato laméntase dunha acción durante un encontro da pasada tempada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Dicsa Modular Cisne vive no seu primeiro ano en Asobal unha situación inconcibible ao ser, xunto co Cangas, os únicos equipos da máxima categoría que non poden disputar partidos na súa comunidade.

Jabato móstrase crítico sobre este tema afirmando que non tiñan pensado disputar encontros amigables fóra, pero vémonos obrigados". "Está claro que, a día de hoxe, temos data de inicio para a liga o 2 de setembro e estamos a ver como noutras comunidades están a xogar partidos e a nós non se nos permite", explica o técnico manchego que engade que "temos que saír fóra para poder loitar en igualdade de condicións co resto xa que eles están a ter a oportunidade de xogar e ter unha pretemporada tal e como a entendemos, unha posta a punto".

Os de Jabato volveron aos adestramentos a finais de xullo coa mirada posta en citas como o Trofeo do Rosal, a Copa Galicia ou os amigables do mes de agosto, pero o avance da pandemia está a encargarse de alterar todo o calendario balonmanístico.

O primeiro foi a suspensión da Copa Galicia fai xa un par de semanas e agora o Trofeo do Rosal os días 22 e 23 de agosto que se terá que trasladar a Portugal para poder xogar. "Queren telo resolto esta semana. Nós estamos polo labor de ir, por suposto", explica o presidente do Cisne, Santiago Picallo.

Temos que saír fóra para poder loitar en igualdade de condicións co resto dos equipos

O técnico do club pontevedrés, Jabato, tamén fixo referencia a este torneo asegurando que "van ser dous partidos nunha localidade do norte de Portugal, posiblemente Caminha ou Valença, algo que se está intentando concretar estes días".

Os brancos tiñan previsto disputar un amigable este fin de semana en Lalín, pero todas as citas deportivas que impliquen contacto na comunidade suspendéronse e o Cisne debe buscar novos retos antes do arranque da liga.

"Xogariamos o 28 en Valença co Águas Santas portugués, iso é o que temos agora pechado, estamos a ver algún máis a ver se somos capaces polo menos de xogar catro. Xogar fóra é a única forma de que nos deixen o contacto, alí non hai ese problema", explica Picallo.

Outro dos problemas que afecta o club pontevedrés é a imposibilidade de realizar adestramentos con contacto debido ás restricións sanitarias, algo que o técnico ve como practicamente imposible xa que o balonmán é un deporte de contacto.

Jabato explica que é "moi complicado" adestrar sen contacto e que están "a intentar limitar ao máximo todos os contactos que hai. Buscamos sesións nas que se minimiza ao máximo debido a que non está permitido. Pero é que é balonmán, non o imos a converter noutro deporte".

O Cisne enfróntase a dous problemas. Por unha banda "o dos partidos amigables que son moi importantes" e, por outro, "os adestramentos que tamén o son" xa que "non imos estar a un mes e medio da competición sen poder ter contacto" xa que iso limítalles moitísimo".

A Xunta e o CSD "deben porse de acordo rápido"
O adestrador do Dicsa Modular Cisne fixo un chamamento ás autoridades competentes pedindo que dean un paso á fronte e se poñan de acordo para que a igualdade entre todas as comunidades sexa a mesma.

Jabato, que desexa chegar ao principio de tempada no mellor estado de forma posible, destaca que "creo que os que teñen que decidir e tomar unha decisión son os axentes que se dedican a isto". O manchego pide "á Xunta, a Federación Galega de Balonmán e o Consello Superior de Deportes" que se poñan "rápido de acordo entre eles e busquen algunha solución canto antes".

O Cisne desexa que a solución se solucione canto antes para non estar nunha gran desvantaxe fronte ao resto de equipos que compoñen a División de Honra nacional e que si que están a poder disputar encontros.

"Consideramos que hai que buscar unha solución urxente para que poidamos ser competitivos e chegar nas mesmas condicións que os demais", afirma Jabato que engade que "a día de hoxe xóganse partidos. A semana pasada disputouse un Huesca- Anaitasuna, o Valladolid fixo o propio contra o Cuenca e o Cangas viaxou a Castela e León para xogar ante Nava e mentres nós seguimos en desvantaxe".

Comentarios