O Club Cisne Los Sauces, con problemas no CGTD

A poucos días de comezar a tempada, a entidade cisneísta está a ter complicacións para ter pistas dispoñibles para adestrar

Imagen de un entrenamiento en las pistas del CGTD. RAFA FARIÑA
photo_camera Imaxe dun adestramento nas pistas do CGTD. RAFA FARIÑA

Quedan pouco máis de 15 días para que comece a liga regular de División de Honra Prata e ao Club Cisne Los Sauces sáenlle problemas por todos lados. As complicacións van máis aló do deportivo, xa que o conxunto pontevedrés está a mostrar un bo nivel en pretempada.

Con respecto ao persoal, a entidade non puido realizar ningunha fichaxe externa para esta tempada debido ao pouco orzamento co que contan. A pesar diso, a directiva está a traballar na incorporación dun novo porteiro, xa que a día de hoxe o equipo dirixido por Jabato ten só dous guardametas moi novos (Juan Novás e Dani Fernández) e a portería é unha das posicións máis delicadas.

Do mesmo xeito que a tempada pasada, o Cisne tamén está a ter problemas cos equipamentos e "esperan ter todo listo para a primeira xornada da competición", di Santi Picallo. Con todo, estes non están a ser as dores de cabeza máis pesados da directiva.

Xa desde a tempada pasada, o Club Cisne Los Sauces comezou a ter problemas coa súa pista habitual de adestramento, a pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A pesar de ter dispoñibles as instalacións, Santi Picallo, presidente do club, conta que "sempre que imos adestrar temos que estar a recoller as redes de bádminton e temos que volver montalas ao acabar. Este ano non vemos moita vontade por parte do CGTD para poñernos as cousas máis fáciles e nós sempre intentamos convivir con todos os clubs".

E é que a parte diso, a directiva está a buscar unha pista alternativa pero "está a ser moi complicado. No pavillón Municipal aínda non teñen os horarios de inverno e tampouco se sabe nada das pistas do Recinto Feiral". "Preocúpanos moito esta situación. Espero que se solucione pronto", anota Picallo.

Comentarios