Carlos Pouso: "Competimos ben nun campo difícil"

O técnico do Pontevedra evita entrar a comentar a xogada do penalti que custou a derrota aos granates
Carlos Pouso. DP
photo_camera Carlos Pouso. DP

O adestrador do Pontevedra, Carlos Pouso, non quixo entrar a valorar a xogada do penalti que lle custou a derrota aos granates ante a Peña Deportiva: "El —en referencia ao árbitro— considerou que era penalti e non hai nada que obxectar. Tivemos en minutos anteriores, uns e outros, ocasións para facer o gol como para non acordarnos desta xogada. O partido dura ata que pita o árbitro".

Para o adestrador do bando lerezano o momento de forma no que chegaba o seu equipo non facía indicar que o partido deste domingo fose ser máis fácil: "As rachas son como a enerxía, nin se crean nin se destrúen. Se pensas en gañar un partido só porque estas en racha, seguro que ese día palmas. Non é o caso, eu creo que o equipo competiu ben nun campo francamente difícil e contra un bo rival. Quedamos co sabor amargo dese punto que tiñamos preto e que se nos escapou".

Pouso non quixo poñer a escusa do campo ou o vento: "O campo está moi desgastado, pero non me vale como escusa porque é o mesmo para os dous. Co vento, ademais, era difícil facer cousas por arriba. É difícil, nin a mesma Peña é igual fóra que en casa".

O técnico vasco falou das ocasións duns e doutros. "Edu a única que podía parar foi a do penalti, porque non lle xeraron máis perigo". "Con todo, Javi Seral fixo dúas paradas seguidas monumentais", comentou.

O técnico foi preguntado tamén sobre o cruzamento de Copa contra o veciño equipo da Peña Deportiva, o Eivissa: "Non o pensei moito porque igual cando chegue o partido xa me botaron".

Raúl Casañ: "O que marcase un gol ía gañar"
Raúl Casañ aplaudiu o traballo do seu equipo ante o Pontevedra: "Sabiamos que partido ía ser. O Pontevedra é un equipo rochoso, forte, expeditivo e con xente grande e veterana. Sabían ao que viñan e foi moi complicado xogar porque defenderon ben e non nos deixaron xogar como outras veces. O que marcase un gol era o que ía gañar".

O adestrador da Peña Deportiva afirmou que ao seu equipo faltoulle "circulación". "Saímos a por eles. Faltounos algo máis de xogo e sacar o balón desde atrás ou facer dúas ou tres circulacións de balón, tal e como lles pedín aos xogadores, porque eles no xogo directo son moi fortes e tiñamos que atacar por fóra. Faltounos máis diso para facer un partido máis completo. Podes estar mellor ou peor, pero ao final o que valen son eses tres puntos", completou Casañ. 

O técnico do equipo ibicenco recordou que o seu equipo ten obxectivos máis humildes que os que marca a clasificación: "Quedan tres puntos menos para o principal obxectivo. Recórdoo todas as semanas: é a salvación".

Comentarios