"Non competir amárgate"

O triatleta Pablo Dapena viu cancelados tres tríatlons para os que se preparaba ► "Quen non é deportista profesional non sabe o que vivimos", lamenta o campión"

Pablo Dapena. RAFA FARIÑA
photo_camera Pablo Dapena. RAFA FARIÑA

Pablo Dapena comeza a desesperarse ante a incerteza que trae nova normalidade. A corentena pasou factura ao triatleta pontevedrés, cuxa disciplina deportiva é unha das máis esixentes, e o período de confinamento fixo que o campión perda o ritmo de competición. "Agora mesmo non estou preparado para competir, pillaríame por sorpresa", asegura Dapena, quen a través da súa conta Twitter expresou o seu desexo de cancelar as competicións para quedar "máis tranquilo" e quitarse así "a tensión que moitos vimos padecendo".

Pablo Dapena non logra atopar o equilibrio esta tempada. Continúa cos seus adestramentos pero o calendario non avanza. E é que á incógnita sobre as novas datas de competición súmase agora un calendario no que tres das competicións previstas para este ano xa foron aprazadas ao 2021. As probas, organizadas pola franquía Challenge Triathlon Team, ían realizarse en Eslovaquia, Sudáfrica e Holanda. Esta última tratábase do Campionato Mundial de Tríatlon de Longa Distancia en Almere, competición da que Dapena garda un bo recordo tras conseguir a medalla de prata en 2019. "Se me din que esta tempada non se compite, déixanme máis tranquilo" apuntaba Dapena ante as constantes modificacións das datas de competición.

O triatleta continúa á espera de ver luz verde nesta situación. "Eu adestro cun obxectivo, cun fin, unha mentalidade en base a algo para intentar mellorar os meus resultados nalgún sitio" confesa Dapena, que lamenta a incerteza á que están expostos os deportistas ao non coñecer o calendario definitivo. "Quen non é deportista profesional non sabe o que vivimos", asegura o triatleta, que está a adestrar "para manterme san e en forma" pero sen unha meta a curto e medio prazo.

A recente cancelación das últimas competicións está a levar a Dapena a reflexionar sobre os seus obxectivos, que polo momento pasan "por ser mellor o día de mañá. A base de competicións e resultados é como demostramos ser mellores". é por iso que a falta de actividade competitiva reduce esta motivación e, xunto ao factor económico, dificultan o ritmo dos adestramentos.

"Non temos plan económico. Con todo isto, vivir todo o día pensando "non imos ter competicións" amárgache", lamenta o triatleta, que a pesar de abstraerse destes pensamentos durante os adestramentos, pensa ao acabar en: "acábome de machucar e de deixar a vida, ¿para que?". Unha incerteza que o mantén en albas.

ADESTRAMENTOS. Non ter un obxectivo marcado afecta á rutina de adestramentos dos triateltas como Dapena. "Estamos a adestrar baixo un certo control", aínda que recoñece que todo "sen tocar certos estímulos que son os ritmos de competición". Un toque competitivo que aínda non iniciaron, sobre todo, para "evitar lesións e problemas".

Fisicamente, Dapena asegura que "non hai ningún problema. Estou san" aínda que recoñece "a molestia de correr tanto en cinta, que non é habitual", referíndose aos adestramentos adaptados que mantivo durante o período de confinamento en casa.

Agora tócalle seguir exercitándose de xeito atípico, marcado sempre por unhas medidas de seguridade que se converteron en habituais.

NOVOS RETOS. A pesar da presión que supón a posibilidade de non competir o que resta de tempada, o triatleta móstrase optimista e con ganas para afrontar os retos da próxima campaña. "Sería unha satisfacción e unha alegría volver competir. Teño ganas", comenta ilusionado ante a idea de novas datas marcadas no calendario de 2021 e que o devolvan á actividade competitiva de elite na que non participou desde novembro do 2019.

"Había certa tensión porque non sabía se ía haber competicións ou non", confesa o triatleta, que continuou cos seus adestramentos en casa. "Estamos en xullo, hai máis ou menos un mes que saímos, e aquí seguimos coa mesma incerteza. Non é fácil", lamenta.

Con todo, Dapena conta os días para volver competir na elite e seguir sumando premios ao palmarés da súa carreira. Polo momento, o deporte para el pasará por ser unicamente unha forma de manterse activo.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios