A condena da segunda volta

O Pontevedra é o peor dos aspirantes a disputar a promoción na segunda metade da Liga ▶ Os granates teñen tres puntos menos que no mesmo treito da primeira parte da campaña

Adrián León e Nacho López láianse tralo empate do Burgos en Pasarón. DAVID FREIRE
photo_camera Adrián León e Nacho López láianse tralo empate do Burgos en Pasarón. DAVID FREIRE

A traxectoria do Pontevedra Club de Fútbol na segunda volta estase a converter nun gran impedimento para que poida acadar o seu soño de pelexar polas prazas de honra do grupo I de Segunda B. Cando máis precisaba dar o salto de calidade para poder aspirar a ocupar un dos catro primeros lugares da táboa do grupo I, a escadra de Luismi deu un paso atrás nas súas aspiracións cunha segunda metade do curso que a converte na peor das favoritas, xunto coa Ponferradina, nas últimas dez xornadas.

E evolución dos granates desde que se pasou o ecuador da competición é peor que no mesmo treito da primeira volta. Despois da disputa das dez primeiras xornadas, o Pontevedra acumulaba 16 puntos que o colocaban preto dos postos de promoción de ascenso. Nas dez xornadas que se levan, ata o de agora, de segunda volta, os homes de Luismi só obtiveron doce puntos, cifras coas que semella moi complicado que poida acceder aos primeiros lugares.

Comparación entre o Pontevedra CF da primeira volta co da segundaNeses dez duelos, o PCF deixou escapar seis puntos en Pasarón fronte a adversarios teoricamente inferiores e en finais de partido dramáticos. Contra Unionistas errou un penalti a pouco de rematar o encontro, e fronte ao Internacional e ao Burgos viuse empatado nas últimas accións do tempo regulamentario. Ademais, caeu a domicilio en catro enfrontamentos, dous contra rivais directos e dous contra equipos que se atopan na zona baixa da táboa: o Valladolid B e o Salamanca CF UDS, nun duelo no que a precipitación e a falta de ideas levaron á derrota aos homes de Luismi.

Curiosamente, o Pontevedra só repetiu marcador con respecto á primeira volta, contra o Fuenlabrada, fronte ao que obtivo cadanseu triunfo, por 0-2 en chan madrileño e por 3-0 no Municipal de Pasarón, no que foi o último triunfo dos pupilos de Luismi ata o momento.

O cadro da cidade do Lérez comezou a liga perdendo en Salamanca fronte ao Unionistas, adversario contra o que empatou na segunda volta en Pasarón. Na casa gañoulle á Cultural Leonesa, equipo co que perdeu no Reino de León. Despois levoulle un punto ao Navalcarnero na primeira volta e sumou os tres na segunda metade do curso diante da súa xente. Contra o Valladolid B obtivo un empate e unha derrota. Contra o Internacional tamén igualou un partido e perdeu o outro. Diante do Celta B, igualada en Pasarón e triunfo en Barreiro. A Ponferradina sacou un punto de Pasarón e derrotou aos granates en El Toralín. Contra o Burgos, o PCF venceu en El Plantío e empatou en Pasarón e contra o Salamanca gañou na casa a perdeu fóra. É demasiada irregularidade para un bloque que aínda concibe opcións de loitar pola promoción de ascenso.

OS MELLORES. Na segunda volta, os mellores ata a data son o Guijuelo e o Atlético de Madrid B. A pesar da derrota do domingo, o filial colchoeiro leva 21 puntos, resultantes de seis triunfos e tres empates, exactamente as mesmas cifras que o próximo rival do cadro da cidade do Lérez, que o vén de superar na táboa despois do seu triunfo na casa contra o Rápido de Bouzas. Pero é que ata o máis irregular dos aspirantes a ocupar un lugar entre os primeiros, neste caso a Ponferradina, foi quen de reactivarse en momentos puntuais para rescatar puntos que o manteñen vivo na loita polos lugares de honra. Os bercianos sacaron os mesmos doce puntos que o PCF, pero seis deles contra dous adversarios directos, o propio PCF e o Atlético de Madrid B o pasado domingo, ademais de que partían con vantaxe con respecto aos de Luismi.

O San Sebastián de los Reyes, con 20 puntos; o Fuenlabrada, con 19; o Real Madrid Castilla e o Coruxo, e a Cultural Leonesa, con 17, conseguiron mellores cifras có Pontevedra neste sector da temporada.

Comentarios