Confirmado: Pontevedra será sede do Campionato Mundial Júnior de Loita de 2024

A United World Wrestling ratifica oficialmente por carta a concesión da organización do evento, que terá lugar entre os días 2 e 8 de setembro de 2024
A comitiva galega en Belgrado con Lalovic e Aliyev. DP
photo_camera A comitiva galega en Belgrado con Lalovic e Aliyev. DP

A Federación Española de Loitas Olímpicas e Disciplinas Asociadas vén de recibir unha carta do presidente da United World Wrestling (UWW), Nenad Lalovic, na que lle ratifica oficialmente a concesión a Pontevedra da organización do Campionato Mundial Júnior de Loita que terá lugar entre os días 2 e 8 de setembro de 2024. Na misiva remitida polo máximo órgano de representación internacional deste deporte, Lalovic envía o seu agradecemento e felicitación ante o grande reto que España e Pontevedra están a piques de emprender e avanza que en breve será enviado tamén á Federación Española o contrato e os requisitos establecidos pola UWW para a celebración deste evento internacional. 

Esta nova recíbese tan só unhas semanas despois de que unha delegación do Concello de Pontevedra, encabezada polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, se desprazara até Belgrado, como parte do comité organizador do Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas sub-23 que acollerá a cidade en outubro de 2022. Non obstante, ademais de recollerse o testigo de Serbia nesta viaxe, as conversas e encontros realizados no Belexpocenter de Belgrado pola comitiva española (da que formaron parte o presidente da Federación Española de Loita, Francisco Javier Iglesias; o presidente da Federación Galega de Loita (FGL), José Luis Olazábal; o director técnico da FGL, Pablo Pintos; o técnico da FGL Alexander Kachelaev, e un técnico do Servizo Municipal de Deportes) serviron para pechar a organización de dous novos eventos: a do Mundial de Grappling en categorías previas á Absoluta (Cadete e Júnior), tamén en 2022, e a do Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas de 2024, que acaba de ser confirmado.

A delegación española tamén deu os primeiros pasos para presentar candidaturas para o Europeo Sénior de 2025 e o Mundial dese ano.

Comentarios