Un crecemento sen fin

O Leis acumula catro vitorias consecutivas e afiánzase en postos de permanencia con sete puntos sobre o descenso. O equipo chegou a estar con catro puntos en oito xornadas
undefined
photo_camera Raúl busca a un compañeiro nun partido da segunda fase. GONZALO GARCÍA

Parecía morto. Pero non era así. Nin moito menos. O Leis Pontevedra continúa cunha resurrección á que non se ve límite, tras vencer por cuarta semana consecutiva e encadear un pleno de triunfos na segunda fase pola permanencia. Unha serie que o colocou nunha situación privilexiada para afrontar con certa tranquilidade o tramo final da competición.

E é que o conxunto dirixido por Mikel Diestro venceu o pasado fin de semana ao Gijón Playas La Carbayera por 4-3 e deu un paso transcendental cara a unha permanencia que hai soamente tres meses parecía unha quimeira. Naquel primeiro partido do ano 2021, o bloque pontevedrés perdeu 5-2 contra o Ribeira e encadeou tres derrotas consecutivas que o deixaban como pechacancelas do seu grupo de Segunda B, igualado a puntos coa Sala Ourense. Por aquel entón, o Leis disputara oito encontros e tan só contaba no seu haber con catro puntos. O primeiro posto (quinta praza) que o conduciría á segunda fase polo título estaba xa a oito puntos. Pero é que o sexto, primeiro dos que caerían á liga por eludir o descenso, tamén.

Pero a partir de entón, o conxunto leisista —bañado dunha extrema mocidade e con varios xuvenís con minutos— deulle unha volta á súa situación. Arrincou a segunda volta cun sufrido triunfo ante o Cidade de Narón (1-2). Logo superou á Estrada (4-1). E despois, ao Ventorrillo. Tres vitorias consecutivas para acabar a citada segunda volta desta primeira fase con 16 puntos. Números de campión.

Nesta dinámica positiva chegou á segunda. E cos seus tres triunfos —máis o último da primeira fase— xa manexa sete puntos sobre o descenso a falta de sete partidos. O crecemento sen fin.

Comentarios