"Cústame entender que en tres partidos sexamos capaces de valorar a un adestrador"

José Luis Lemos, adestrador do Bergantiños, analiza a profesión de adestrador, a categoría na que traballa agora , o céspede sintético de As Eiroa ou o dubitativo inicio do Pontevedra 

undefined
photo_camera José Luis Lemos, adestrador do Bergantiños. CEDIDA

Son os seus primeiros partidos nunha categoría superior á Terceira. Disfrútase algo?

Canto máis profesional é o equipo, se disfruta moito máis, aínda que durante a competición se sufre. Pero sempre digo o mesmo: é un sufrimento que gusta. Gústame moitísimo competir e estou cómodo nesa situación, aínda que pode haber momentos de tensión. Agora, como recién ascendido, afrontarán cada partido con menos presión. A de agora é unha presión diferente. Ti sabes que hai certos campos onde non tes esas obrigas e o rival está esixido a gañarte si ou si. Iso xenera unha ansiedade, unha présa, unha precipitación para o rival que moitas veces podes manexar. Eu vivín iso co Cerceda, co Boiro, o ano pasado co Bergantiños... e como adestrador curte máis. Estás adestrando a un equipo que, no momento no que o balón se pon en xogo, está a perder dous puntos. É moi difícil.

E a de adestrador xa é unha profesión de risco de por si, porque son aos primeiros aos que apuntan.

Moitas veces sen dar tempo, que é o que todos pedimos. Se ti me das un proxecto para ascender, debes apostar por min. Polo menos ata a metade de liga. Agora mesmo en tres, catro ou cinco xornadas xa hai demasiada présa. Creo que os adestradores somos os maltratados do fútbol.

Esa présa é maior agora, na era do consumismo, ou sempre foi así?

Non, non sempre foi así. Nos 17 ou 18 anos que xoguei en Terceira como mínimo, non recordo unha tempada onde tivese máis de dous adestradores. E lembro moi poucas con dous adestradores. Eu tiven futbolistas que pasaron por 12 ou 14 adestradores en catro anos. Isto é un consumo todavía máis excesivo que o que vemos habitual na sociedade en moitos casos. Hai adestradores que case están coa guillotina antes de empezar. Iso é moi complicado de xestionar. Particularmente, é algo que non soporto. Paréceme unha falta de confianza e de lealdade cara a persona que tes para dirixir ao teu club.

No Pontevedra xa hai certas présas. Sorprendeulle o seu inicio?

Pode sorprender porque é o Pontevedra, que está obrigado a estar moi cedo arriba nesta categoría. Pero hai que entender que isto está moi nivelado e que se están a decidir partidos por pequenos detalles, aínda que pareza unha frase feita. De gañar a perder hai unha liña moi curta. Creo que hai que esperar a ver como os equipos se van formando e tamén sera o caso do Pontevedra. Pero todos sabemos que ser adestrador do Pontevedra nesta categoría, como doutros equipos noutras, xa leva implícito isto: ás primeiras que as cousas non van ben, escoitar o ruxe ruxe do exterior.

Aínda así, parece cedo para ter dúbidas.

Eu teño unha cousa moi clara: se ti tes dúbidas do teu adestrador na Terceira xornada, deberías ter dúbidas cando o fichaches. Cústame entender que en tres partidos sexamos capaces de xuzgar a un equipo, a un xogador ou a un adestrador. É moi precipitado.

Falemos desta nova categoría. É unha Terceira máis potente ou unha Segunda B debilitada?

Eu teño moi claro que hai máis potencial que en Terceira. Máis ritmo de xogo, mellores futbolistas e estadios... Para os que vimos de Terceira, é unha categoría superior. Segurísimo. Os que estaban en Segunda B o ano pasado, polo momento, non notan tanta diferenza, polo que puiden tantear. Temos que ir vendo como vai a competición.

O ano pasado eran o dominador da categoría e este ano xa non. É un cambio difícil de aceptar para os xogadores ou agradéceno?

Nós levamos 110 minutos xogando en inferioridade numérica nesta competición e é certo que si temos preparado o plan por se nos dominan, pero a nosa maior arma é ser un equipo atrevido, que quere ter balón e atacar. Polo momento estámolo conseguindo. Creo que estamos a facer un bo papel a nivel ofensivo, aínda que levamos cero goles. Estamos contentos co control que temos do xogo.

Non é partidario de cambiar de modelo en función da categoría.

É que non creo que ser máis defensivo che vaia a dar máis puntos. Tampouco nadie asegura o contrario. Pero como hai que escoller, eu escollo ser máis proactivo que estar á espera. Por momentos me obrigarán, seguro. Pero non vai a ser porque nós o queiramos. Gústanos ter a iniciativa e non estar á espera do que faga o rival.

Pero poden ser dominadores e combinativos en As Eiroas, un campo sintético e pequeno?

Cando eu ía a Carballo tiña a mesma sensación, pero debo recoñecer que estaba errado. A superficie nunca é como un céspede natural, pero non é un campo pequeno (creo que son 102x65), aínda que dea esa sensación. Nós somos capaces de combinar por momentos. Non é como herba natural, pero tampouco é tan malo como me parecía a min de visitante.

Por que cambia esa percepción?

Eu penso que cando adestras e xogas en natural vas pouco receptivo e notas a diferenza. Pero se ti adestras en sintético e vas xogar a un sintético... hai diferenzas porque os céspedes non son todos iguais, pero non tantas. Non vou dicir que non é un condicionante, pero hoxe xa o é menos. Que non se pode combinar non é certo. Outra cousa é que haxa matices nos botes ou nos golpeos.

Fíxose un bo nome no fútbol galego. Sen embargo, non pasou da Terceira como adestrador. Por que non chegou máis alto?

É unha pregunta interesantísima (ri). Ás veces tamén ma fago eu. Teño un cese, pero tamén varios ascensos. Un deles á Segunda B (Boiro), aínda que non chegei a adestrar por unha decisión moi personal. Sempre esperas que alguén aposte por ti. Pero ou tes mois bos contactos, ou entras ti na categoría co teu equipo. Senón, é moi díficil. Eu empecei en Primeira Rexional. E ninguén me chamou dunha categoría superior á que estaba adestrando: tiven que entrar con ascensos. E logo o mundo dos contactos é moi personal e no que a min ás veces non me interesa entrar. Parece que para algúns vale todo e outros deben demostrar en todas as categorías. Agora estou pensando en facelo moi ben nesta categoría. Primeiro para demostrarme a min mesmo que son capaz. Non penso en se o fago moi ben quen me vai a chamar.

Nota que o fútbol lle está devolvendo o traballo?

Estaba claro que para min era unha meta. Cando me chamou o Bergan no 2020 eu sabía que quería dar un salto e tiña a estructura para iso. Sabía que podía ser un bo proxecto para intentar ascender, que este era o sitio. Non o fixen tanto por seguir en Terceira, senón por dar o salto. Claro que agora estou disfrutando moitísimo, aínda que teño ganas de gañar o primeiro partido (ri).

Comentarios