Ángel Rodríguez: "Debemos pensar se os que cometen erros deben estar no once"

O técnico granate deu un contundente toque de atención ao seu defensa e a Álex González tras a derrota deste domingo 
undefined
photo_camera Ángel Rodríguez durante o partido deste domingo. DAVID FREIRE

Facía anos que un adestrador do Pontevedra non era tan claro e contundente nunha rolda de prensa para explicar unha derrota como o foi este domingo Ángel. O leonés mostrouse descontento polos erros reiterados dos seus xogadores en labores defensivos e comentouno sen andrómenas na súa análise post-partido.

"Regalamos o partido. Concedemos dous goles que non deberiamos conceder, sobre todo o segundo. Fixemos fincapé en non facer faltas innecesarias e encaixamos dese xeito o primeiro gol", expresou.

"Os goles encaixados foron parecidos aos da semana pasada. Teremos que facer exame de conciencia. Seguramente eu tamén terei que facelo. Se hai xogadores que cometen erros de forma continuada debemos pensar se deben estar ou non no once", sinalou o preparador granate.

"Teremos que buscar alternativas para algúns postos e, aqueles que estean mellor, darlles a oportunidade de que se metan no once e xoguen", engade 

Rodríguez especificou os males defensivos da súa escuadra, sen dar nomes. Aínda que os responsables propablemente sentan identificados na mensaxe. "No que levamos de tempada, case todo o que nos sucedeu en contra foi porque o concedemos nós máis que porque o xerou o contrario. Facemos fincapé no balón parado e nesa faceta seguimos encaixando goles. Facemos fincapé na concentración que debemos manter, e cometemos erros de concentración. O segundo gol é o mesmo segundo gol de Móstoles. Tal cal. Parece que o viron e o executen igual".

En consecuencia, exponse cambios. "Teremos que buscar alternativas para algúns postos e a aqueles que estean mellor, darlles a oportunidade de que se metan no once e que xoguen. O que non podemos é seguir alimentando aos rivais".

Tamén tivo palabras para Álex González: "Deixar ao equipo con dez quedando 60 minutos é regalar moito partido. Non vexo a xogada da expulsión, pero se eu teño unha amarela e acábanma de sacar hai un minuto, non podo learme cun adversario nunha rifa. Sexa ou non sexa xusto, eu se son o contrario intentaría sacarlle a segunda amarela para que o PCF quedase con dez. Con 32 anos que suceda isto, dóeme. Non pode caer nestas provocacións".

"Estou moi desgustado de que Álex deixe ao equipo con dez", sinala

"Creo que el se dá conta de que perde a marca no primeiro gol, de que comete un erro, e iso xéralle un estado de nerviosismo que o leva a cometer un segundo erro. é a percepción que teño", analizou seguindo coa xogada.

Logo de recoñecer o esforzo do colectivo, volveu sobre o seu discurso. "Estou convencido de que con once non perderiamos. Por iso estou moi desgustado con que Álex deixe ao equipo con dez. Non se lle pode achacar nada ao equipo. Hai accións puntuais, de xogadores puntuais, e o responsable de seguir póndoos son eu. Veremos que pasa en seguintes partidos, pero está claro que non podo seguir permitindo isto".

A xornada: o Coruxo non arrinca; o Compos ponse líder 
A terceira xornada no Grupo 1 de Segunda RFEF deixou ao Compostela como novo líder. O equipo dirixido por Rodri impúxose 3-1 ao Móstoles URJC no Vero Fenda e colócase na primeira posición, aínda que empatado a puntos con outros catro equipos: Unión Adarve, Langreo, Arousa e Salamanca CF UDS.

O Adarve, o Salamanca e o Arousa eran os únicos tres equipos que chegaban a esta xornada coa posibilidade de facer pleno de puntos. Con todo, todos eles deixáronse polo camiño a vitoria. A crueldade cebouse sobre todo co equipo madrileño, que estivo preto de sumar tres puntos na súa visita á Nova Balastera.

O Palencia Cristo Atlético acaboulle empatando (1-1) no engadido. O Salamanca e o Arousa non puideron pasar do empate ante o Bergantiños e o Llanera, respectivamente. Por abaixo, o Coruxo é pechacancelas -xunto ao Mariño- xa que non logrou puntuar. O equipo verde caeu 1-0 na súa visita ao Navalcarnero. O equipo asturiano perdeu 2-1 no derbi ante o Langreo.

Comentarios