«Debemos xogar coa súa ansiedade"

Jesús Ramos recoñece que co cambio de adestrador, o Xetafe B é un equipo "ao que é difícil meterlle man" porque "xoga replegado e espera o fallo do rival", pero resalta que a filial debe "propor porque vai penúltimo"
photo_camera Jesús Ramos dá indicacións nun adestramento. GONZALO GARCÍA

Sacou catro puntos de seis posibles contra dous rivais talentosos. E agora busca o máis difícil aínda. O Pontevedra de Jesús Ramos afronta este domingo (11.30 horas) o terceiro partido consecutivo co técnico marinense no banco. Farao de novo contra unha filial, pero nesta ocasión con bastante menos talento que os dous anteriores: o Xetafe B, penúltimo na clasificación.

Por iso, Ramos espera un partido totalmente diferente aos das dúas últimas semanas: "Co cambio de adestrador, o Xetafe B cambiou de sistema. Agora xoga máis replegado, ao contragolpe. é difícil meterlles gol. Ten bos xogadores como Josete, Hugo Duro... Van ao espazo e que che poden facer dano".

Deste xeito, o conxunto "B" azulón pretende ser un equipo capaz de cometer poucos erros. Coa chegada de Emilio Ferreras ao banco, a filial terá pouco que ver co equipo que gañou en Pasarón 2-3 na primeira volta. "O partido da primeira volta non serve como referencia a nivel futbolístico. Nos últimos partidos que vimos parécenos un equipo que xoga replegado e ao contragolpe. Si no seu campo apértache un pouco máis en campo contrario. é un equipo que espera o teu erro para macharte, basicamente", apuntou o técnico do Pontevedra este venres na rolda de prensa previa ao choque da xornada 28.

Precisamente o modelo de xogo non é tan diferente ao dun PCF que con Ramos aposta, sobre todo, por danar aproveitando os espazos ás costas da zaga rival. Neste sentido, o preparador granate explicou que para meter man ao rival, os seus xogadores deberán "xogar un pouquiño coa súa ansiedade". "eles son os que teñen que propor un pouquiño máis porque xogan en casa e van penúltimos na clasificación. A partir de aí, debemos penalizar os seus erros tamén", anunciou Jesús.

Sobre o choque de ida, que supuxo o cesamento de Luismi Areda como adestrador do PCF, Ramos preferiu non falar moito máis, xa que entende que no club non poden "mirar ao pasado" e non hai ánimo de desquite por aquela derrota dolorosa en casa. "Nós empatamos contra o Atlético de Madrid, gañámoslle ao Castela e agora temos que ir a Xetafe, competir e traer o máximo posible. Porque se somos capaces de gañar alí, deixariamos ao Xetafe B a dez puntos", recalcou o actual adestrador do primeiro equipo pontevedrés.

O POZO. Con todo, que o choque deste domingo sexa vital para pór unha distancia case insalvable cun dos equipos en descenso, Ramos non considera que unha vitoria vaia permitir saír ao PCF de abaixo definitivamente, nin tampouco vaia definir as súas aspiracións no tramo final: "é que non creo que estivésemos no pozo antes de gañar ao Castela. Estabamos nunha situación na que levabamos dous meses sen ser capaces de gañar un partido. Fomos a xogar a casa do Atlético de Madrid e logramos competir durante os 90 minutos e sacar un punto. Logo contra o Castela sacamos outros tres. Si que é un partido importante, pero non vai marcar nin que esteamos salvados, nin que nos metamos abaixo, nin que esteamos en play-off. é un partido importante sobre todo porque os metemos a dez puntos".

O que si permitiu o triunfo ante o Castela é cambiar a dinámica porque "o triunfo deu moral". "Non se cambiou nada á hora de adestrar e de competir. Pero a dinámica cambiou porque non se gañaban partidos. Entón, se durante dous meses non ganas, éntranche esas ansiedades, esas présas... Fáltache ese chisco de confianza". Agora, o día a día é moito mellor: "Nótase aos rapaces máis "confiantes". Sáenlles todas as cousas. Asimilan moi ben o traballo que estamos a introducir á hora de defender e de atacar. A verdade é que si que se nota no día a día. Se ganas es máis feliz".

Para rematar, sobre a ausencia de Álex Fernández no último encontro, destacou que "hai que elixir entre moitos xogadores", pero "non hai ningún problema con ningún, ao contrario". "Conto con todos", recalcou.

Comentarios