Unha década de talento e garra

Charles Días regresa dez anos despois ao Pontevedra, equipo que o acolleu e viuno crecer como futbolista
Charles da toques a un balón en Pasarón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Charles dá toques a un balón en Pasarón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha década. Ese é o tempo que pasou desde que os afeccionados do Pontevedra viron a Charles vestir por última vez as cores do seu equipo.

Dez anos despois o brasileiro volve á cidade que o acolleu recentemente chegado da liga portuguesa. Cando o futbolista aterrou na Boa Vila non se imaxinaba o futuro profesional que lle esperaba no fútbol español.

Alberto Argibay foi quen viu no mozo dianteiro algo que ninguén máis soubo ver. Grazas ao que foi adestrador do Pontevedra durante tres tempadas, a afección granate puido gozar da maxia de Charles sobre o terreo de xogo.

Agora, Alejandro, Iván Carril, Fede Bahón, Fran Rico e o propio Argibay recordan os anos compartidos con Charles no Pontevedra antes de que o futbolista volva pisar o verde nesta tempada que se prevé tan atípica.

Todos eles coinciden na humildade que o caracteriza e no traballo duro que levou ao dianteiro brasileiro a cultivar tantos éxitos. Ademais, definen ao futbolista como un gran compañeiro cun forte carácter competitivo sobre o campo.

Charles deixou amigos non só no terreo de xogo, senón tamén nos vestiarios, e agora volve a Pasarón para erixirse como referente e líder dun equipo que pelexará polo ascenso a Segunda División.

O brasileiro é este verán o indubidable protagonista dunha volta á que foi, é e sempre será a súa casa.


Alejandro Vázquez, ex futbolista e capitán do Pontevedra

"Charles ten unha calidade indubidable"

Alejandro compartiu vestiario con Charles no Pontevedra durante toda a estadía do brasileiro na Boa Vila. O central chegou ao conxunto granate na tempada 2003/2004 e abandonou Pasarón o mesmo ano que o dianteiro.

"Todo o mundo recorda os seus inicios, porque o seu debut foi unha expulsión", comenta Vázquez, "aínda que era moi nova non lle custou adaptarse, tardou pouco en deixar o seu nome, sobre todo porque é unha persoa moi humilde".

Nun primeiro momento, a volta do brasileiro ao Pontevedra sorprendeulle "porque podía seguir gozando do fútbol profesional en Primeira ou Segunda e gañando moito diñeiro, está a un gran nivel" aínda que aclara que xa me comentou que quería volver xogar aquí, e agora é unha realidade".

O que foi compañeiro de Charles nos seus inicios no fútbol español asegura que "é unha belísima persoa" e que con el, o club "vai gañar moito dentro e fóra do campo".

"É unha persoa moi humilde e traballadora, é compañeiro do seu equipo e no vestiario terán nel un referente", afirma Vázquez.

Para o central, "Charles ten unha calidade indubidable, o que pasa é que explotou cando empezou a xogar como dianteiro. Todos os anos que gozou do fútbol profesional demoistrou, con traballo e constancia, que se gañou todo o que ten".

Vázquez cre que "a volta a Pasarón será moi emocionante, porque volve á súa casa".


Iván Carril, ex futbolista e xogador do Pontevedra

Non ten "o perfil de xogador brasileiro"

Iván Carril foi un dos últimos xogadores en ter o privilexio de compartir camiseta con Charles. O centrocampista chegou ao Pontevedra na tempada de 2009/2010 polo que coincidiu coa súa despedida en Pasarón.

"Sorprendeume gratamente. Todos temos o estereotipo do xogador brasileiro e máis el que estaba Segunda B podendo estar máis arriba", explica Carril que define ese perfil brasileiro como un futbolista con dotes mais técnicas, máis virtuoso, pero menos traballador no día a día, nada que ver coa descrición de Charles, que para el era "todo o contrario". "Currante, traballador e humilde".

Iván topouse co de Belém no campo un ano antes de chegar ao Pontevedra e sorprendeuno, pero non deportivamente. "Calquera se esperou que tivese outra personalidade, hai xogadores menos exitosos que se comportan peor. É un exemplo para os rapaces", comenta.

En canto á súa volta ao Pontevedra a Iván non lle sorprende. "Se se vai ao PCF non é porque non teña nivel para estar máis arriba, senón porque ten un sentimento de pertenza co club e a el o que lle gustaría realmente sería xogar en Segunda co Pontevedra", explica Carril.


Fran Rico, ex xogador do PCF e do Eibar

Dobre cara: Dentro e fóra do campo

Familiar e tranquilo fóra do campo, pero con garra e moito carácter no xogo. Así o define Fran Rico, un dos xogadores que non só puido congeniar con Charles durante a súa estancia no PCF, senón tamén recentemente no Eibar.

Para o centrocampistas de Portonovo, Charles ten dúas caras, unha no campo e outra, moi distantia, a nivel persoal, pero ningunha que prexudique á outra.

"A nivel persoal é moi tranquilo totalmente distinto que no campo, onde ten moito carácter e sempre chega a disputas con calquera xogador por pensar en gañar e axudar ao equipo", explica o xogador do Eibar.

A pesar do seu talento innato viviu unha evolución no campo. "No Pontevedra todos viamos que era un xogador distinto e que tiña un potencial enorme, pero estas son cousas que pasan en fútbol que ves a xogadores dese nivel aos que lles custa e a diferenza que me atopei nel foi o cambio de posición, no Pontevera xogaba en banda dereita, onde creo que perdía moito da pontencial, pero logo puido mostar esa calidade esa facilidade para meter goles".

En 2017 chegaba ao Eibar para reecontrarse con Rico, e é que o de Portonovo deixara o Pasarón en 2008 e case dez anos despois atopábase cunha persoa diferente. "Deixou de ser un neno. Éramos nenos no Pontevedra e cando chegou ao Eibar era unha persoa con familia, tiña todo máis controlado, sabía que facer en cada momento", aclara Rico.


Fede Bahón, ex futbolista e capitán do Pontevedra

A volta de Charles "é unha inxección"

Fede Bahón aterrou en Pasarón un ano antes que Charles, e cando o brasileiro chegou ao Pontevedra o central xa era un referente do conxunto granate. "Cando chegou (Charles) era un chavalillo" comenta o cántabro, "un gran compañeiro, e sigue séndoo".

O que foi capitán do Pontevedra está seguro de que o dianteiro se afixo rápido ao fútbol español "porque aos que son bos futbolistas, non lles custa nada", e engade que "é unha persoa moi intelixente e observadora, enseguida se adaptou".

Se Fede tivese que describir ao que foi o seu compañeiro durante tres tempadas en Pontevedra, non dubida en definilo como " futbolista completo, porque ademais do seu olfacto goleador e de que é un gran finalizador, logo é un xogador competitivo que axuda ao equipo en faltas defensivas".

Non lle sorprendeu a volta de Charles á que foi a súa casa "porque xa o sabía", comenta entre risas, "creo que tiña a decisión tomada desde hai tempo, é unha persoa de valores e ética".

E é que aínda que Charles "tiña ofertas de Primeira, de Segunda e do estranxeiro" decidiu volver aos orixes en España, e "a algúns se lles fai raro porque non entenden de valores, queda pouca xente como el", sentenza Fede.

O central imaxínase a volta do brasileiro a Pasarón "como unha inxección para o club e para a afección", xa que "é unha das persoas máis queridas de todos os futbolistas que houbo en Pontevedra en todas as épocas".

O dianteiro "chegou como un neno, e volve como veterano". Para Fede "está claro que Charles vai meter moitos goles e dar moitos triunfos", ademais de que "chega cun rol de capitán aínda que non o sexa". O brasileiro "quería volver cando aínda tivese moito fútbol que dar, e non ao final da súa carreira".


Alberto Argibay, adestrador do Pontevedra do 2005 ao 2007

"O seu ADN combina talento e agresividade"

Alberto Argibay é o responsable de que Charles chegase ao fútbol español, e seguro que os afeccionados granates - e os de todos os equipos polos que pasou o brasileiro - aínda llo agradecen.

"É un xogador moi comprometido no campo e competitivo", comenta o técnico ante a pregunta de por que decidiu traelo ao Pontevedra, "ten un ADN propio dun futbolista que combina talento e agresividade, iso foi o que máis me impactou".

O adestrador cre que a súa adaptación "foi rápida. Na segunda volta foi un dos xogadores máis destacados, sempre titular e cun gran índice de goles", recorda.

Para el, adestrar a Charles "foi fácil, xa que é un xogador moi versátil e facilita o labor do adestrador a poder xogar en varias posicións de ataque". Tamén no vestiario recoñécelle como "un mozo sinxelo e humilde. O seu carácter facilita a cohesión, é das persoas que sempre suma".

Argibay recoñece que "hai futbolistas brasileiros talentosos e con outro tipo de virtudes, pero el ten as dúas cousas".

O que foi o seu adestrador cre que "Charles fixo méritos para chegar antes á elite" e que a súa volta ao Pontevedra "vai dar un plus de enerxía á afección".

Comentarios