O día dos fabricantes de soños

Pontevedra homenaxeou a Teresa Portela, Antía Jácome, Javier Gómez Noya e Juan Saavedra, olímpicos pontevedreses en Tokio 2020 e os afeccionados puideron interactuar con eles
HQR_ RECEPCION EN EL TEATRO PRINCIPAL POR PARTE DEL CONCELLO A LOS OLIMPICOS_ JAVI GOMEZ NOYA_ TERESA PORTELA_ ANTIA JACOME Y JUAN SAAVEDRA _varias fotos_
photo_camera Foto de familia do acto celebrado no Teatro Principal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Con nove anos, Teresa Portela só soñaba con non caer da piragua. Algúns anos despois acabou converténdose na mellor deportista galega de historia xunto con Támara Echegoyen. "Hai que seguir soñando", dixo a canguesa, que vén de rematar a súa experiencia asiática e xa está enfocada na cita de París 2024.

Cando empezou a padexar, Antía Jácome só quería parecerse a ela. Se cadra algún día podía competir no máximo nivel coma os seus ídolos. Logrouno.

Javi Gómez Noya "non tiña grandes soños". Cada mes e cada ano, o obxectivo mudaba. Ao principio non sabía sequera que ía ser triatleta. Sen ter soños logrou todos os que a imaxinación máis privilexiada podería alcanzar a deseñar.

O de Juan Saavedra foi por accidente. "Un día, sen saber por que nin como, estás aí. O que logras é unha consecuencia, non obxectivo". Deportista e filósofo.

Juan Saavedra, dobre medallista paralímpico en tiro (o segundo dos metais en Tokio); Teresa Portela, prata na cita nipona e deportista española con máis presenzas nos Xogos, seis; Javier Gómez Noya, o mellor deportista galego de sempre, que se despediu das citas olímpicas en Xapón, e Antía Jácome, brillante debutante cun quinto posto, diploma e unha carreira aínda por conquistar, foron os protagonistas homenaxeados no acto que celebrou o venres o Concello de Pontevedra. Por problemas de axenda dos propios deportistas a cita non se puido celebrar con anterioridade. Nela non puido estar presente a outra gran olímpica pontevedresa, Támara Echegoyen.

O acto, dirixido polo xornalista Terio Carrera e presidido polo alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores en colaboración co concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, comezou cunha sentida homenaxe e un minuto de silencio para Teresa Tapia, directiva do Mace Sport, falecida onte. A sala gardou un minuto de silencio na súa memoria.

O acontecemento desenvolveuse no Teatro Principal, cunha presenza notable de afeccionados ao deporte, nenos e representantes dos diferentes clubs da cidade, que puideron interctuar cos ídolos locais.

Despois de que Carrera conducise coas súas preguntas aos protagonistas, con máis dunha broma, particularmente dirixida á práctica deportiva de Juan Saavedra, houbo tempo para que a audiencia puidese realizar as súas preguntas. E algunhas serviron para desvelar os segredos mellor gardados de alguns dos olímpicos.

Entre as cuestións que saíron a escena, apareceu unha inevitable, a presión. "La tensión me puede", admitiu con humildade a máis nova das presentes. "Me cuesta bastante llevarla. Estoy unos días enfadada con la gente", expresou Antía Jácome ao respecto dun tema no que todos asumen que é parte da competición e na que Gómez Noya lembrou que é fundamental orientar e advertir ás novas promesas.

A importancia da alimentación saudable para o rendemento ou o descubrimento da paixón polo deporte foron temas que saíron á palestra nun acto que se prolongou por 75 minutos.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios