O "diamante" do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

Caetano Horta, remeiro noiés que adestra na 'Boa Vila', conseguiu o diploma olímpico en Tokio 2020 na categoría de dobre scull lixeiro
Caetano Horta (izquierda) y Manel Balastegui en una de las pruebas disputadas en aguas de Tokio. EFE
photo_camera Caetano Horta (esquerda) e Manel Balastegui nunha das probas disputadas en augas de Tokio. EFE

Caetano Horta fixo historia nestes Xogos Olímpicos de Tokio 2020 ao converterse no primeiro galego en conseguir un diploma olímpico na presente edición. O noiés de tan só 18 anos, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, disputou na madrugada do xoves a final B do dobre scull lixeiro xunto ao seu compañeiro Manel Balastegui, logrando un sétimo posto que lles permitiu facerse co premio inmediatamente inferior aos metais.

O que foi ata agora o seu adestrador no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luciano Moldovan, define a Horta como "diamante en bruto, un rapaz que ten moita calidade e que adestra moi ben". O de Caetano é unha suma de "talento e constancia" afirma Luciano, que cre que para chegar ao nivel de disputar uns Xogos "non vale só con ser moi bo nin só con traballar", senón que "ten que ser unha suma de todos os factores", ademais de moita disciplina, calidade que "el si que ten".

"é un diamante en bruto, un rapaz que ten moita calidade e adestra moi ben. Unha mestura de talento e constancia"

Moldovan dirixiu os adestramentos no CGTD con Caetano desde setembro de 2017 ata marzo deste ano, momento no que pasou a formar parte do dobre olímpico. O que é tamén seleccionador español xuvenil compartiu concentracións con Horta no equipo nacional, co que chegou a conseguir un quinto posto no dobre scull do Campionato do Mundo Júnior -sendo cadete- e un ouro no Campionato Europeo, o ano pasado na mesma categoría.

O principal obxectivo para a parella era alcanzar a final B en Tokio. Unha proba á que o galego "chegaba moi ben", a pesar de que a embarcación española "estivo practicamente un mes sen adestrar na auga remando xuntos", situación que o seleccionador nacional xuvenil considera "clave" nun bote tan novo e recentemente feito. Moldovan sente "moi contento" do traballo realizado polo seu pupilo en Xapón, xa que "a esa idade e ante todos os xigantes cos que competiu, quedar sétimo está ben", aínda que non se conforma e afirma que "podería ser mellor". E é que o tándem Horta-Balastegui disputou a última das probas ante a ausencia dalgúns equipos campións do mundo ou medallistas olímpicos que quedaron fóra dunha final "rara".

"Nos Xogos de París 2024 a intención é gañalos. Non se trata de facer unha participación digna, senón de gañalos"

Sen tempo para asimilar o alcanzado en Tokio, o técnico confía en que Horta "teña a ilusión polas nubes para París 2024", cita da que tanto Luciano como o remeiro xa falaron e que era o principal obxectivo do noiés desde hai anos. "Estamos a encamiñar toda a preparación para eses Xogos coa intención de gañalos, non de facer unha participación digna ou con moitas opcións, de gañar". Así, móstrase moi "ilusionado" para o futuro cunha parella que era "a máis nova de todos" e que "terá opcións para a próxima cita olímpica". Afirma ademais que o diploma conseguido "supón moito" para o remeiro.

Caetano deberá afrontar agora un "ano de descanso relativo", pero co ciclo olímpico máis curto do normal "debe pensar nas clasificatorias do próximo ano", sentenza Luciano.

Comentarios