O 'DepoDesafío' da Deputación arrincará en Vilagarcía cunha carreira nocturna

Os seguintes retos serán unha proba BTT nas Neves, unha travesía a nado en Poio, un trail en Cuntis e un tríatlon en distancia sprint en Vigo

Carmela Silva. TWITTER
photo_camera Carmela Silva. TWITTER

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a segunda edición do 'DepoDesafío', a competición deportiva "máis esixente da provincia", segundo sinalou a presidenta da institución, Carmela Silva, na presentación do evento. Un formato no que se volverán combinar varias disciplinas como a carreira a pé, o ciclismo BTT, a travesía a nado, o trail e o tríatlon. Esta segunda edición terá cinco probas que se celebrarán de maio a outubro. 

A primeira será en Vilagarcía de Arousa o 4 de maio cunha carreira nocturna a pé de aproximadamente 15 quilómetros. Seguirán despois unha proba BTT de ao redor de 35 quilómetros nas Neves o domingo 9 de xuño; unha travesía a nado en Poio de 1.500 metros o primeiro fin de semana de xullo; un trail en Cuntis de aproximadamente 15 quilómetros o primeiro fin de semana de setembro; e un tríatlon en distancia sprint en Vigo durante a primeira quincena de outubro. 

O prazo de inscrición para participar nesta competición ábrese este xoves na web da Deputación de Pontevedra.

A gañadora e o gañador da clasificación xeral serán obsequiados cun dorsal para participar no maratón de Berlín, o voo e o hotel

Nesta edición 2019 poderán participar persoas maiores de 16 anos e cada proba terá un máximo de 500 participantes. A gañadora e o gañador da clasificación xeral serán obsequiados cun dorsal para participar no maratón de Berlín, o voo e o hotel, como conseguiron o ano pasado Ariana González e Brais Misa. 

A persoa gañadora da clasificación xeral do 'DepoDesafío2019' será a que acumule máis puntos unha vez celebradas todas as probas, tendo en conta só os 4 mellores resultados máis o bono de 50 puntos por participar nas 5 probas.

No circuíto 'DepoDesafío 2019' só haberá categoría absoluta feminina e masculina. Nas probas individuais, ademais da clasificación en categoría absoluta, establecerase unha clasificación en categoría sub-21 e unha en categoría veterana (40 anos ou máis). 

Outra das novidades deste ano é que se sortearán entre todos os e as participantes dous paquetes do maratón de Berlín e un premio "finisher" para as e os deportistas que finalicen as cinco probas.

'Depo Desafío' naceu co obxectivo de promover o deporte e a saúde, concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dun xeito respectuoso, sostible e responsable e dar a coñecer as paraxes e vilas por onde se desenvolven.

Comentarios