"É un bo sitio para crecer"

David Soto chega ao Pontevedra CF con ganas de progresar "da man do club, tanto a nivel individual como co equipo"  O defensa coincidiu con Ángel Rodríguez na súa etapa como celeste e recórdao "próximo, traballador, eficiente e que esixe o máximo"
David Soto (derecha) en el partido entre el Pontevedra CF y la SD Compostela de la pasada temporada 2020/2021. DAVID FREIRE
photo_camera David Soto (dereita) no partido entre o Pontevedra CF e a SD Compostela da pasada tempada 2020/2021. DAVID FREIRE

A súa chegada comezou a soar con forza hai unhas semanas e a pesar de que se chegou a especular que as negociacións se romperon, a realidade é que David Soto (Ourense, 1994) vestirá a elástica granate o próximo curso tras despedirse da Sociedade Deportiva Compostela, onde militou os dous últimos anos.

Tras pasar pola canteira do Celta e empezar a súa carreira sénior en equipos como o Almería B, o Boiro ou o Lorca, Soto chegou a Santiago no ano 2019, onde o curso pasado disputou 2.024 minutos en 23 partidos en Segunda B.

PROXECTO. Se algo tiña claro David Soto é que non estamparía a súa firma no contrato co Pontevedra CF ata que o club presentáselle en detalle a planificación deportiva para a próxima tempada.

"Creo que estou no mellor momento da miña carreira deportiva e que podo achegar traballo e sacrificio ao Pontevedra CF"

"Decidín vir a Pontevedra porque Toni Otero presentoume un proxecto moi sólido, moi ambicioso e moi ilusionante", asegura. O defensa chega a Pasarón coa idea de progresar "da man do club" e poder ir "cara adiante tanto eu de xeito individual como o equipo a nivel colectivo, superar etapas e crecer xuntos".

Soto está convencido de que Pontevedra "é un bo sitio para seguir crecendo como futbolista" no que sente como "o mellor momento" da súa carreira deportiva. O ourensán chega disposto a achegar "traballo e sacrificio ao club, e se o mesturas con calidade sáeche David Soto", confesa.

"Convenceume a aposta tan ambiciosa que ten o club de chegar a categorías profesionais"

Pero o que realmente fixo que o xogador tomase a decisión de unirse ao equipo lerezano foi "a aposta tan ambiciosa que ten o club de chegar a esas categorías profesionais, 1ªRFEF e nun futuro Segunda División".

A aspiración a un ascenso que se está forxando no vestiario, coa combinación de experiencia e mocidade . "Considero que estamos a formar un grupo moi bonito e de moita calidade", asegura o defensa.

O ex do Compostela cre que se mantivo "unha boa base do ano pasado, con grandes xogadores como Churre, Romay, Charles, Rufo, Álex González e Oier" xunto a fichaxes "que son moi ilusionantes, mesturando mocidade e experiencia como poden ser Brais Abelenda, Javi Rey ou eu mesmo".

LIDERADO. A ausencia da figura dun adestrador xerou algo de incerteza no ourensán durante as súas negociacións co club da Boa Vila, pero Toni Otero logrou convencer ao defensa.

"Obviamente o director deportivo falou comigo e máis ou menos eu sabía por onde ían ir os tiros en canto ao adestrador", asegura Soto. O xa futbolista granate confiou na palabra de Otero: "Díxome en particular que estivese tranquilo, que quen viñese ía sacar o máximo rendemento de todos nós".

O certo é que durante as conversacións do defensa coa directiva xa había un par de nomes propostos para dirixir o conxunto granate, entre eles o de Ángel Rodríguez. "A verdade é que se adecúa bastante ao que a min me gusta, por onde eu veño", matiza o xogador, "o club decidiu finalmente apostar por el e eu, por traballar xuntos e ver a súa tempada no Langreo, decidín no seu momento asinar aínda que non estivese aínda fichado".

Para Soto era "fundamental saber o adestrador que ía dirixir ao equipo, porque creo que gozar no campo e identificarche co estilo de xogo que propoña o técnico é decisivo".

Ángel Rodríguez é un adestrador moi próximo, traballador e eficiente

Unha condición que cumpre a proposta futbolística de Ángel Rodríguez e que o defensa coñece de primeira man. "Cando el era segundo adestrador co Celta, estaba máis pendente dos mozos que adestrabamos co primeiro equipo", recorda, "é un adestrador moi próximo, traballador, eficiente e que quere o máximo do futbolista".

Ángel foi o encargado, xunto ao seu mentor Paco Herrera, de facer debutar a Soto en Segunda División. Agora, ambos se reencontran nas filas do Pontevedra CF cun proxecto ambicioso e cargado de ilusión dentro e fóra do terreo de xogo.

"Este ano partimos como favoritos polo club que é o Pontevedra e o plantel que ten" comenta o defensa, quen recorda a importancia de ir "sempre con pés de chumbo, con moito respecto polos campos aos que nos toque ir e competindo sempre, que é como se crece máis que ninguén".

Comentarios