viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

Edu lidera ao Pontevedra e as estatísticas

Edu Sousa suxeitándose dunha portería nun adestramento. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Edu Sousa suxeitándose dunha portería nun adestramento. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O gardarredes granate foi o que máis partidos e minutos disputou durante a Liga 2017-18, na que actuaron 29 futbolistas

Edu Sousa foi o líder do Pontevedra 2017-18, o futbolista que máis minutos disputou na liga e o que máis partidos completou. O gardarredes granate liderou por segunda temporada consecutiva o apartado de tempo sobre o céspede nos encontros de Segunda B do once de Pasarón.

O tudense só deixou de xogar un duelo do torneo da regularidade, a domicilio contra o San Sebastián de los Reyes, rival contra o que actuou Anxo. O nicrariense tivo como compensación a disputa dos dez duelos da Copa Federación que conduciron ao PCF ao título.

En total, 29 futbolistas participaron na liga 2017-18 co Pontevedra, unha cifra que non se superaba desde a temporada 2012-13, en Terceira División, cando Milo Abelleira era o adestrador do once pontevedrés.

David Goldar foi o xogador de campo máis empregado e o único central entre os 13 homes que pasaron máis tempo sobre o céspede

 

Os motivos do elevado número de deportistas utilizados foron as necesidades de recompoñer o equipo no mercado de inverno polo baixo rendemento colectivo ata decembro, a gran cantidade de lesións e enfermidades que afectaron aos membros do plantel profesional, que obrigaron á aparición en escena de varios rapaces da canteira, e as necesidades dos dous adestradores que pasaron polo banco ao longo da campaña, Luisito e Luismi, que á vista dos malos resultados fixeron moitos trocos para intentar atopar un once ideal.

Os datos da temporada reflicten as deficiencias na confección do plantel, particularmente en dúas demarcacións fundamentais: central e dianteiro centro.

Entre os doce homes que tiveron máis minutos, só hai un defensa marcador e ningún nove dos cinco de que dispuxo a entidade ao longo do exercicio.

O central mencionado é David Goldar, o home de campo con máis presenza sobre o terreo de xogo en canto a minutos. En partidos disputados supérano David Añón e Álex González.

Ningún dos cinco dianteiros que aliñaron entre Luisito e Luismi superou os 1.400 minutos xogados nin os cinco goles

 

O dianteiro que tivo máis minutos foi Jon Etxaniz (o décimo terceiro no total da lista de xogadores): curiosamente o único que non acabou a campaña cos granates.

En cambio, os centrocampistas e media puntas demostraron cualidades para ter continuidade e mesmo ocupar roles que non eran os seus habituais. Iso permitiu que dos quince máis empregados, catro sexan medio centros (Adrián León, Kevin, Álex Fernández e Prosi); tres, estremos (Álex González, Añón e Marcos Álvarez), e outros dous, media puntas (Mouriño e Jorge Hernández). Na zona ancha do terreo de xogo, o cadro de Pasarón si que atopou versatilidade e variedade de recursos.

Os máximos goleadores do equipo foron David Añón (12), Álex González (5) e Eder (5).

Os datos do Pontevedra CF na liga 2017-2018

Edu lidera ao Pontevedra e as estatísticas
comentarios