O equipo granate ten previsto adestrarse en Mareo o sábado

O Pontevedra perfila xa o seu plan de viaxe para visitar ao Portugalete no encontro de volta da promoción de ascenso. O conxunto granate ten previsto exercitarse nas instalacións de Mareo, propiedade do Sporting de Xixón, o sábado anterior ao duelo, a metade de camiño entre o punto de partida da viaxe, a capital do Lérez, e o de destino, a localidade vasca.

A expedición ten pensado saír pola mañá de chan pontevedrés, ás oito, deterse a adestrarse e comer e posteriormente afrontar o segundo tramo da viaxe e chegar pola tarde a chan vasco.

O desprazamento que debe afrontar o bloque granate é duns 700 quilómetros, aínda que a mellora das comunicacións nos últimos tempos favorece a rapidez da viaxe e acurta os tempos.

O cadro pontevedrés durmirá xa en territorio biscaíño para poder afrontar o encontro matinal do domingo nas mellores condicións.

Antecedentes

Será un dos poucos encontros a esas horas que disputou ata o momento o cadro lerezano, que se mediu ao Choco ao mediodía para non ter que cender as luces de Pasarón. Naquela oportunidade, o once granate levou os tres puntos ante os redondelanos, grazas a dous goles conseguidos por Pablo Carneiro no tramo final do enfrontamento.

A domicilio, o cadro pontevedrés mediuse ao Laracha pola mañá, cun resultado non tan positivo: un 2-0. Aquela derrota precipitou a saída de Nando do banco. Manu Fernández encargaríase de substituílo a partir de entón.

O horario posto pola xunta directiva do Portugalete, as 11.30, é o habitual do conxunto vasco, que aposta por ese momento do fin de semana para favorecer os intereses dos seus socios. Iso favorece o desprazamento dos seguidores do Pontevedra para acompañar ao seu equipo, xa que lles concede marxe para desprazarse a territorio vasco e regresar o propio día do encontro, descansar nos seus fogares e acudir ao traballo ao día seguinte.

Comentarios