O Leis fixo sufrir ao DKV pero foi incapaz de sumar

Pelexaba o Leis Pontevedra por evitar acabar a tempada como o último clasificado de División de Honra, pero o destino tampouco tiña reservada un sorriso para os de Tomás de Deus nesta ocasión. Loitou con todas as súas armas, non escatimou unha pinga de suor e tivo opcións de puntuar ata o último segundo, pero finalmente os tres puntos levoullos DKV, que segue con opcións de permanencia e sitúase a catro puntos (co golaverage gañado) de Gestesa, que deixou escapar a vitoria ante Azkar no último suspiro do encontro.
Sorprendeu nos minutos iniciais o Leis adiantando moito a primeira liña de presión. Os zaragozanos víanse en serios apuros para circular con fluidez e as perdas de balón deron máis dun susto á meta Silva. Puido abrir o marcador Juan Portas antes de que se completase o primeiro minuto de xogo, pero o seu remate desde oito metros estrelouse contra o traveseiro. O DKV, pola súa banda, buscaba levar o balón ata Alexandre para desde aí progresar e así tivo a súa primeira ocasión destacable nunha vaselina ante Marimón que o brasileiro enviou lixeiramente alto.
No minuto cinco, Cobeta avisou finalizando contra o corpo de Marimón un bo contragolpe e apenas uns segundos máis tarde o propio xogador conducía con brillantez a transición para ceder a Messias, que libre de marca no segundo pau, lograba o 1-0.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios