O Teucro gaña na súa visita ao Torrelavega e asegúrase a fase de ascenso

O Teucro soubo sufrir en Torrelavega e acabou impondo a súa calidade para levar os dous puntos. O equipo de Modesto Augusto callou unha gran segunda parte coa reaparición de Unanue e baixo a dirección do navarro o cadro pontevedrés sumou unha importante vitoria que lle permite asegurar a súa presenza na fase de ascenso. Ademais, segue na loita polo segundo posto tras a derrota do Huesca en Vigo.

O choque arrincou con moita intensidade e os ataques impóndose ás defensas. A defensa 6-0 do Teucro foi axustándose e a partir do minuto sete a súa agresividade permitiulle abrir brecha no marcador grazas aos rápidos contraataques liderados por Alberto Salgado.  Proba do bo traballo dos homes de Modesto Augusto foi que os xogadores de Torrelavega só anotaron 3 goles en 15 minutos, desde o cinco ao 20.

Aos 20 minutos o choque parecía sentenciado. A defensa azul era moi superior ao ataque cántabro e os pontevedreses tiñan seis goles de renda (6-12). Alberto Salgado estaba pletórico e con 5 goles lideraba a un Teucro que estaba a demostrar as razóns da súa boa posición na táboa.  Pero dez minutos antes do descanso, un cúmulo de erros dos visitantes permitiron a remontada local. Cun parcial de 10-3 a favor dos pupilos de Carlos Solar, o Grupo Pinta foise ao descanso mandando no marcador por un tanto (16-15).

INTENSIDADE

Na continuación, o Teucro tivo que recuperar a concentración para superar a un rival moi combativo. Con Unanue no centro do ataque, o cadro azul despregou todo o seu potencial. O central navarro e Dasilva conectaron unha e outra vez con Benaches e o pivote encargouse de marcar as diferenzas. Un parcial de 0-5 no arranque devolveu ao Teucro o mando do partido. O labor arbitral, moi protestada polos dous equipos, tamén condicionou o xogo.

As exclusións de Rafa Dasilva e de Toño Fernández permitiron aos cántabros achegarse no marcador, pero o Teucro non estaba disposto a ceder puntos e recuperou a concentración e a intensidade. Martinovic tamén se erixiu en protagonista para realizar dúas grandes intervencións en dous contraataques dos locais que impediron que houbese emoción no tramo final do encontro.

Ao final, os dous puntos permiten ao Teucro achegarse máis a un Obearagón Huesca que caeu en Vigo ante o Pilotes Pousada. Coa fase de ascenso asegurada, o novo obxectivo do cadro pontevedrés será a de lograr un segundo posto que permitiría organizar a fase de ascenso en Pontevedra.

Comentarios