As eleccións xerais modificarán o programa do mundial de tríatlon

O Concello de Pontevedra estuda trasladar aos días 27 e 29 unha parte da xornada de competición do dia 28 para non dificultar o acceso aos colexios electorais

Carme da Silva y Daniel Macenlle. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carme da Silva e Daniel Macenlle. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A programación do ITU Multisport Festival (como se denomina a competición dos mundiais de tríatlon que se desenvolverán en Pontevedra entre os días 27 de abril e 4 de maio) sufrirá lixeiras modificacións. Algunhas das probas previstas para o 28 de abril, xa que coincide coa celebración das eleccións xerais convocadas onte polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Garantir o acceso dos votantes aos colexios electorais e o peche ao tráfico dalgunhas das rúas polas que discorre o circuíto resulta incompatible, segundo recoñeceu onte o Concello a través da concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, no transcurso dunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.

ALTERNATIVAS. Unha alternativa posible sería, segundo a concelleira nacionalista, trasladar as probas do domingo 28 ao luns 29. En todo caso, a decisión final terá que ser acordada coas federacións Nacional e Internacional de Tríatlon xa que resultaría necesario modificar o circuíto ao tratarse dun día laborable no que sería preciso garantir a mobilidade dos cidadáns aos postos de traballo e aos centros escolares. Por iso é polo que outra opción posible consistiría en adiantar parte das probas ao sábado 27.

Comentarios