0-0. O Pontevedra non atopa o camiño ante o Racing de Ferrol

Javi HQR! FÚTBOL, SEGUNDA B: PONTEVEDRA C.F. - RACING DE FERROL
photo_camera Un momento do partido entre o Pontevedra e o Rácing de Ferrol en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Segue sen recuperarse do todo. O Pontevedra asinou un triste empate 0-0 no derbi ante o Racing de Ferrol. O equipo granate foi superior a un rival que se conformou en todo momento coa igualada, pero aos de casa faltoulles continuidade ao longo do choque e acerto para aproveitar varias das ocasións das que dispuxeron.

O PCF deu un pequeno paso adiante con respecto aos últimos partidos. Saíu máis ambicioso e puido cambiar o sino do choque durante unha primeira parte na que se xogou pouco, pero na que só el puxo fútbol. Bustos, nunha gran xogada entre Romay e Pedro, mandou ao traveseiro a ocasión máis clara para os locais, que apenas sufrían nas contras coas que o Racing buscaba facer dano.

Tras o intermedio, o guión mantívose. O equipo dirixido por Carlos Pouso encaixou por momentos contra a súa meta ao choque racinguista, pero faltoulle certeza no último tramo do campo tanto no pase como no remate. Javi Pazos ou Bustos puideron cambiar o marcador, aínda que a ocasión máis clara chegou pouco despois do intermedio, nun chute afastado de Joselu que se foi á parte posterior do pau.

Así, co PCF con máis intención que ideas para romper a muralla verde, finalizou un choque co que o cadro granate non puido volver sumar tres puntos (cuarta xornada seguida sen facelo) e que lle impide achegarse definitivamente ao play-off.

Le a crónica completa na edición impresa deste luns de Diario de Pontevedra

Ficha técnica
Pontevedra: Edu, Nacho, Víctor Vázquez, Erraji, Pol Bueso, Sana, Bustos, Álex Fernández, Romay, Pedro Vázquez (Adighibe, m. 69) e Javi Pazos (Martín Diz, m. 81)..

Racing de Ferrol: Chema, Seoane, Fornos, Garrido, Bruno Rivada, Javi Rey, Armental (Dani Abalo, m. 28), Álex López (J. Antonio, m. 88), Rodellar, Marcos Álvarez (Pablo Rey, m. 66) e Joselu.

Árbitro: Fuentes Martín (Cantabria). Amoestou con cartón amarelo a Romay, polo Pontevedra, e a Bruno Rivada, Fornos e Álex López, polo Racing de Ferrol.

Incidencias: Partido correspondente á 21ª xornada do Grupo I de Segunda B. Estadio Municipal de Pasarón, ante uns 2.500 espectadores (algo menos dun centenar chegados de Ferrol).