"O equipo estivo a un nivel moi alto na segunda parte"

O técnico de Teo recoñeceu que o Pontevedra saíu mal ao partido, pero puxo en valor o papel dos seus en Mareo
Luisito, en la banda de Mareo. ARNALDO GARCÍA (EL COMERCIO)
photo_camera Luisito, na banda de Mareo. ARNALDO GARCÍA (EL COMERCIO)

O técnico do Pontevedra, Luisito, cualificou o tanto recibido polo seu equipo ao termo do primeiro tempo como "un erro imperdoable. "A nosa aspiración era levarnos os tres puntos. Fixemos uns oito primeiros minutos malos, e despois callamos outros 35 moi bos nos que Charles tivo unha ocasión clarísima de cabeza. Pero o gol que nos meten é imperdoable, dun saque de banda no minuto 45 e a 80 metros da portería. Non poden marcarche dese xeito", asegurou o adestrador de Teo, que admitiu que chegou ao descanso "moi molesto": "Aínda que a xente pense que si, non son moito de rifas. Son un tío directo e digo a realidade do que penso. Estoulle agradecido aos futbolistas, porque entenderon a mensaxe que lles transmitín no vestiario para saír á segunda parte enchufados. O equipo estivo a un nivel moi alto nos segundos 45 minutos".

O gol que nos meten é imperdoable, dun saque de banda a 80 metros da portería no minuto 45. Non poden marcarche dese xeito

O preparador granate, nesa liña, desfíxose en eloxios cara aos seus futbolistas polo realizado no segundo acto: "O equipo reaccionou como un equipazo, como o que son: auténticos campións. Na segunda parte o equipo estivo soberbio. Con todos os respectos para o Sporting B, creo que se alguén mereceu gañar fomos nós. En liñas xerais voume contento pola actitude e o fútbol despregado, tanto por uns como por outros".

O técnico tamén se referiu ao cambio de posición de Charles en Mareo: "Tiñamos moi estudado ao rival e sabemos que Charles a nivel táctico é un futbolista superintelixente. Fixo a xogada do penalti e os movementos que tiñamos preparados. Ten unhas condicións que hai que saber aproveitar, é un xogador honrado e traballador no campo". 

O equipo reaccionou como un equipazo, como o que son: auténticos campións. Voume contento pola actitude e o fútbol despregado

SPORTING B. O adestrador do Sporting B, Sergio Sánchez, aseverou que o labor arbitral prexudicou ao seu equipo: "Sumar sempre é positivo. O problema é que nós temos máis necesidade de facelo de tres en tres. Saímos con toda a vontade, pero esta categoría é moi igualada e os partidos decídense por detalles. O árbitro é quen ás veces resulta decisivo neses detalles que fan que se desequilibre a balanza dun lado ou outro, e neste caso as imaxes están aí para falar dun penalti e doutro posible". 

De face á loita por Segunda RFEF, Sánchez cre que a igualada conseguida "parece moi pouco": "O equipo compite e, aínda que lle custa gañar, tamén custa que lle gañen. Dá igual que o rival se chame Pontevedra ou Coruxo". Insistindo na xogada que significou o empate, o preparador dixo: "é unha acción na que o balón vai cara a fóra, non hai perigo de gol. Pablo atopouse con que o balón íalle a pegar no peito ou na cara e as mans equilibran o corpo, non pode correr con elas cara atrás. É unha decisión do árbitro, como a que tomou nunha xogada na que desequilibran a Álex Oyón, e non só non temos un penalti a favor, senón que sinala falta en contra e amarela". 

Fixemos uns oito primeiros minutos malos e despois callamos outros 35 moi bos nos que Charles tivo unha ocasión clarísima

Ninguén dá un golpe na mesa
A segunda xornada do denominado como Grupo 1E (a fase pola permanencia en Segunda RFEF do Grupo 1) pechouse con catro empates nos catro partidos disputados.
O último encontro da segunda data enfrontou ao Oviedo Vetusta e ao Salamanca CF UDS. Ambos os conxuntos asinaron un empate (0-0) no que o respecto imperou. Con este resultado, a filial mantén o ritmo do Pontevedra e o Salamanca non se desengancha do todo da loita pola permanencia, xa que segue a catro puntos dos dous primeiros postos e a un do terceiro.
Terceiro segue, precisamente, o Lealdade. O próximo rival do PCF empatou 0-0 na súa casa ante o Coruxo, a pesar de xogar os últimos 25 minutos cun menos.
Á vez, o Covadonga e o Guijuelo disputaban un duelo entre case desafiuzados que acabou 3-3, a pesar de que o bloque chacinero chegou a ir gañando 1-3.

XUNTA. No aspecto extradeportivo, o PCF celebra este luns a súa xunta ordinaria ás 17.00 no Pazo. Ás 19.00 terá lugar unha extraordinaria. 

Comentarios