Indignación ao esgotarse as entradas para o España-Italia en Pasarón en menos de cinco minutos

Multitude de afeccionados denuncian que os billetes xa estaban repartidos "antes de saír á venda". O partido disputarase o vindeiro venres 1 de decembro ás 21.30 horas
Teresa Abelleira. DP
photo_camera Teresa Abelleira. DP

Tolemia total a que se viviu ao mediodía deste xoves por  conseguir unha entrada para o partido que medirá a selección española de Teresa Abelleira e Italia no estadio municipal de Pasarón, en Pontevedra. As localidades esgotáronse cando apenas transcorreran cinco minutos da súa apertura de venda na web oficial da RFEF, ás 12.00 horas. 

Segundo fontes oficiais do ente federativo, a acollida foi "masiva" ante un duelo no que a Boa Vila poderá render homenaxe a unha das súas estrelas, a futbolista Teresa Abelleira. Hai que apuntar que as localidades que se puxeron á venda non foron o total do aforamento do estadio pontevedrés, xa que algunhas estaban comprometidas con clubs galegos e patrocinadores.

Con todo, foi un éxito absoluto para vivir en directo o duelo que medirá ás pupilas de Montse Tomé e Italia no marco da liga das Nacións. O partido, con cheo absoluto, disputarase o vindeiro venres 1 de decembro ás 21.30 horas.

A propia Real Federación Española de Fútbol (RFEF), a través da conta oficial da selección en X, celebrou as ganas de ver ás campioas do mundo en Pontevedra. "Non tardastes nin unha hora en facervos con todas as entradas dispoñibles para o partido contra Italia en Pasarón! Sodes moi grandes, Pontevedra!", manifestaron.

Polémica en redes sociais: "É imposible vender 10.000 entradas en dous minutos"

Con todo, o escaso tempo no que estiveron dispoñibles as entradas para o público xeral xerou unha gran controversia en redes sociais de forma inmediata, xa que multitude de afeccionados entenden que os billetes xa estaban repartidos "antes de saír á venda".

Esta crenza baséase en que "é imposible vender 10.000 entradas en dous minutos", como denuncia un afeccionado, mentres que outros apuntan a que á 12.00 –hora na que saían á venda– "xa non quedaban", algo que resulta "moi sospeitoso".

Polo momento, o enfado dos usuarios de redes sociais non tivo resposta oficial por parte do ente federativo.

Máis en Deporte Local Pontevedra