Éxito de participación na II Triple Corona Illas Atlánticas

A competición consta de tres probas de natación que se disputarán nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra

 

Acto de presentación de la prueba - Triple Corona Illas Atlánticas
photo_camera Acto de presentación da proba

Máis de 160 nadadores participarán o próximo 8 de setembro na primeira proba da segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas, que consistirá nun percorrido de 15 quilómetros que unirá as praias de Rodas (Illas Cíes) e Ribeira (Baiona).

Entre os participantes inscritos destacan o ourensán Alberto Taboada, terceiro clasificado na primeira edición da Triple Corona Illas Atlánticas, e o catalán Sergio Torres, gañador da Batalla de Rande 2017 entre as Illas Cíes e San Simón de 27 km de percorrido.

A segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas é unha competición de tres probas de natación de 15, 19 e 23 km de distancia, que se disputarán nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra entre 2018 e 2020.

A primeira das tres probas, de 15 km, terá lugar o 8 de setembro entre as Illas Cíes e Baiona

 

Cada unha das tres travesías sae dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.

Ao acto de presentación desta proba, que se celebrou na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, en Vigo, asistiron, entre outros, a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez; o director do Parque, José Antonio Fernández Bouzas; o director da zona Vigo Sur de Abanca, Javier Soto Garrido, e a xefa de relacións externas de Coca-Cola en Galicia, María Troncoso.

"Modificamos o percorrido respecto ao do 2016 para que os participantes poidan gozar máis tempo nadando en augas do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia xa que atravesarán as tres illas do arquipélago das Cíes", destacou a directora da empresa organizadora Atlantic Extrem Sports, Beatriz Alvariño.

A primeira das tres probas, de 15 km, terá lugar o 8 de setembro entre as Illas Cíes e Baiona. A segunda, en 2019, terá como punto de partida a Illa de Sálvora e de chegada, O Grove, con 19 km de percorrido. A última, a máis longa con 23 km, arrincará da Illa de Ons e terminará en Combarro, pasando pola Illa de Tambo en 2020.

Cartel de la II Triple Corona Illas Atlánticas

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios