Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Fernández Fiuza non estará no Descenso do Sela

Álvaro Fernández Fiuza en primeiro plano xunto a Milín Llamedo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Álvaro Fernández Fiuza en primeiro plano xunto a Milín Llamedo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O piragüista decidiu xunto a Walter Bouzán non acudir por problemas coa organización 

Álvaro Fernández Fiuza é sinónimo de vencedor do Descenso do Sela. Tras oito triunfos na recoñecida proba asturiana, o piragüista pontevedrés non estará na liña de saída esta tarde.

Fiuza recoñeceu que "ou baixaba con Walter (Bouzán) ou non baixaba" e, finalmente, tomaron a decisión de non facelo. "Houbo unha serie de contratempos coa organización. Foi todo un pouco caótico e entre os dous optamos por non participar. O próximo ano xa se verá como vai a cousa e a ver se o facemos ou non", engadiu.

O padeeiro pontevedrés comentou que lle "daba máis pena da que me dá agora mesmo, cando encargamos o material ao principio da tempada coas embarcacións tanto para o maratón como para o Sela. Foi un cúmulo de circunstancias. A min a tempada tampouco me acababa de saír, preferín preparar o selectivo para o Campionato do Mundo (o Nacional é entre o 10 e o 12 de agosto en Aranxuez) con Milín (Llamedo) e non facer o Sela. Xurdiu un pequeno pulso coa organización, se querían que baixásemos Walter e eu, debían preocuparse un pouco, facer algo para que fósemos, pero non funcionou. Tamén houbo prohibición de participación de certos K-2 (os que competían con distintas nacionalidades). Creo que este ano baixou bastante o nivel".

"Hai uns meses diría que me daba moitísima pena perderme o Sela, pero este ano con todo o que pasou e co mal que se portaron co deportista non me dá ningunha. Cicais o domingo cando escoite o 'Asturias patria querida' dáme un pouco de morriña", admite.

Iso si, Álvaro Fernández Fiuza estará presente na competición, gozando desde fóra dunha das probas con máis tradición en España. Non poderá bater a marca de vitorias, para iso haberá que esperar un ano máis, pero seguirá preparándose para as seguintes citas internacionais, nas que espera facer un bo papel xa que "estou moi ben de forma". Con todo, se as cousas non saen este ano, intentarao o próximo.

Fernández Fiuza non estará no Descenso do Sela
Comentarios