Carlos Pouso: "Fixemos moitas cousas ben, pero non ganas e vaste con cara de bobo"

O adestrador do Pontevedra C.F. móstrase "satisfeito" co traballo do seu equipo e asegurou que o meta rival foi "o mellor"
Carlos Pouso. DAVID FREIRE
photo_camera Carlos Pouso. DAVID FREIRE

Apelando á tranquilidade. Así se mostrou Carlos Pouso na rolda de prensa posterior ao primeiro empate do Pontevedra en toda a tempada. Para o preparador vasco, o seu equipo tivo "profundidade e moitas ocasións" ante o Langreo. "Houbo bastantes máis que o día do Marino de Luanco. Pero o que sempre queda ao final é o resultado e este domingo di: gafas", apuntou en referencia ao 0-0 final.

Para Pouso, o equipo "leu ben o partido". "Percutiu moito por banda, os laterais foron moi profundos... E só ao final é cando me queda o regusto malo de que incidimos demasiado no xogo por dentro. Favorecemos o seu labor de contención, con esas liñas de catro e de cinco moi xuntas e o punta descolgado esperando unha contra. Empezámonos a gustar en exceso cando o partido era por fóra", explicou.

O equipo leu ben o partido. Percutiu moito por banda, os laterais foron moi profundos... Só me queda o regusto malo do final

Na mesma liña, Pouso destacou que estaba "satisfeito do esforzo, non polo resultado". "O seu porteiro foi o mellor xogador. Quedas coa cara de bobo de non gañar un partido no que fas moitas cousas. Pero haberá outros nos que fas menos e ganas. Por iso non hai que volverse tolo. Isto é fútbol", destacou.

Sobre a xustiza do resultado, Pouso apuntou que "os resultados son sempre xustos". "O que tiñamos que facer é marcar algunha das que tivemos e así non se falaba doutra cousa".

Así mesmo, expresou que el non quere falar dos árbitros porque "son cousas nas que non podes incidir". "Paréceme triste pensar en que non gañamos polo árbitro. Non gañamos porque non gañamos. Hai cousas nas que non podemos influír", destacou. Sobre a súa amoestación, explicou: "Amoestáronme por unha cousa que é 'la leche': intuíu que tiña que chamar a atención ao meu banco porque saíron a protestar. Eu ata agora crin que o xefe era o delegado. Pois non. Eu non protestei e non fixen nada".

Houbo bastantes máis ocasións que o día do Marino de Luanco. Pero o que sempre queda ao final é o resultado

Por todo iso, quixo centrarse no choque, xa que asegurou que el pode "incidir en que os xogadores estean concentrados, fagan ben as cousas e non se peguen un tiro no pé como a última hora". Sobre a ocasión final do Langreo apuntou: "Pilláronnos súper abertos, nunha acción fácil e durmímonos. Se marcan nesa ocasión e levan os tres puntos, co que expuxeron, si que estou para cortarme as veas. Pero esas cousas pasan".

En relación á formulación do rival explicou: "O rival nunca che vai facer o que ti queres para que lle gañes. Non expuxeron máis igual porque non puideron. Nós apertámoslle moito. Non creo que a ninguén lle guste estar permanentemente asediado, que é o que pasou nalgúns momentos. Sacamos centros, collemos rexeites, volvemos a abrir a banda e a percutir... Xa, pero non materializas e é o que hai. Eu non vou dicir que a súa aposta foi cicatera. Deus me líbre".

O Marino dá a badalada na Malata 
A décimo quinta xornada no Grupo I de Segunda B deixou como gran sorpresa a remontada do Mariño de Luanco na Malata. O conxunto asturiano comezou perdendo, pero lle deu a volta ao marcador e condenou ao Racing de Ferrol á derrota no seu feudo. 

Nos demais encontros, cumpriuse a lóxica. O Atlético Baleares deixou atrás a derrota da pasada xornada cun contundente triunfo ante o Celta B (6-1) e o Atlético de Madrid B impúxose no derbi de filiais (2-0) ao Castela. Ambos comandan con soltura a táboa, seguidos dun Eivissa que xa é terceiro tras vencer 3-1 a un Melilla que non termina de arrincar, tampouco co cambio de adestrador. 

La Peña Deportiva segue cuarta a pesar de caer 2-0 ante o Coruxo, que cos seus dous triunfos seguidos xa se sitúa na zona media-alta da táboa. Quinto, a un punto do play-off, é o Raio Majadahonda, que venceu 1-2 ao Ínter de Madrid. Coa súa derrota, o cadro de Boadilla afástase do play-off. 

Por abaixo, o Sanse caeu 1-2 ante As Palmas B e afúndese.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios