"Irene Vilaboa non foi elixida por ser muller, senón pola súa valía"

O Teucro presenta á nova adestradora, escollida pola "súa experiencia e capacidade para adaptarse a situacións complexas"

2020061211413773875
photo_camera Irene Vilaboa (esquerda) xunto á súa irmá Rosa, este xoves na presentación oficial de parte do corpo técnico do Teucro. DAVID FREIRE

Irene Vilaboa xa exerce, oficialmente, como adestradora da Sociedade Deportiva Teucro. O club pontevedrés presentou este xoves en sociedade a nova responsable principal do seu banco, que chega para ocupar o posto de Luis Montes e contará como man dereita coa súa irmá Rosa.

No acto de presentación celebrado no salón de actos do novo edificio da Xunta en Pontevedra, Vilaboa estivo acompañada por Milucho Pintos, director deportivo do club, e José Ameijeiras, membro da xunta xestora que dirixe a entidade. Ambos os responsables da institución pontevedresa recalcaron que a aposta pola adestradora viguesa non se debe á súa condición de muller para gañar repercusión ("non esperabamos tanta"), senón que responde a cuestións estritamente profesionais.

"Non contratamos a Irene por ser muller, senón pola súa valía", apuntou a Ameijeiras para completar a explicación de Pintos, que sinalou que o club comezou un proceso de selección hai algunhas semanas do que se foron "caendo candidatos por diferentes cuestións" relacionadas co económico ou a política de fichaxes.

"A meta é chegar a tempo para instaurar un estilo de xogo e á vez ser capaces de salvar a categoría", asegura a preparadora viguesa

"Finalmente contabamos con dous ou tres técnicos e apostamos por Irene pola súa valía. Conta cunha ampla experiencia en equipos máis profesionais e menos, de base e sénior, con categorías inferiores de seleccións autonómicas e española... Ademais, estivo inmersa en situacións similares á nosa e sabe adaptarse a elas con nota", apuntou Pintos, que expresou que coa súa incorporación buscaban "estabilidade" porque "é o que necesita o Teucro". "A nosa situación non a sacan adiante os líderes, senón os bos grupos de traballo e ela achega esa boa dinámica", matizou.

Nesta mesma liña, Ameijeiras recalcou que a técnica olívica "se adapta" ao que o club necesitaba: "Ten coñecementos, compromiso e traballa coa base. Vénsenos enriba algo gordo a nivel deportivo e económico e é a persoa adecuada, aínda que se mete nun bo balbordo".

"Vénsenos enriba algo 'gordo' a nivel económico e deportivo. Ela é a persoa adecuada, aínda que se mete nun bo balbordo", di o club

Ao longo da presentación, os dous dirixentes fixeron constantes apelacións ao cambio de idiosincrasia do club, que sumido nunha complexa situación económica, adquirirá un perfil baixo co obxectivo de ir construíndo cimentos sólidos de cara ao futuro a través dunha filosofía propia e o traballo de canteira. Mentres, o obxectivo da próxima tempada será o de salvarse, como recoñeceu Vilaboa, que apuntou que fichar polo Teucro nesta situación "non é un marrón", senón "un reto". "Non se pode cambiar todo da noite para a mañá. Pretendemos chegar a tempo para instaurar un estilo de xogo no que en seis ou sete meses sexamos capaces de manter a categoría", apuntou.

Así mesmo, Vilaboa expresou que se basea nunha "filosofía de grupo" na que "o bloque debe funcionar, falte quen falte", xa que ela focaliza máis "a base no conxunto que en xogadores top".

Para rematar, recalcou que non lle gusta ser noticia por "pioneira" e non cre que ela estea para "abrirlles as portas a outras mulleres".

O Teucro estuda o ofrecemento de construír un sénior feminino
A Sociedade Deportiva Teucro estuda estes días o ofrecemento dunha quincena de mulleres "que aman o club" para reconstruír o equipo sénior feminino. Así o recoñeceu este xoves José Ameijeiras, preguntado pola posibilidade de que a entidade volvese contar con sección feminina. "Sempre tivemos en mente a idea de contar cun equipo feminino, pero non estaba na nosa mente este ano. Con todo, necesitamos que a xente some e é moi gratificante ver como un grupo de 14 exxogadoras queren xogar connosco incluso pagando", expresou. 

Nesta mesma liña, sinalou que a iniciativa destas mulleres "ilusiona", pero a situación económica é complexa, polo que non é segura a súa posta en marcha.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios