"Foi unha explosión de alegría"

Luismi apunta que a vitoria en Oviedo reforza a súa mensaxe: "Se o equipo estivese mal e sen confianza, non sairía adiante"
Luismi sonríe en la rueda de prensa de este miércoles en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luismi sorrí na rolda de prensa deste mércores en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Gañar en Oviedo foi unha explosión de alegría. Imaxina como estaba ese vestiario logo de vencer como se fixo". Así explicaba este mércores Luismi as sensacións dun equipo que segue respirando positividade logo de lograr algo máis que tres puntos en El Requexón a pasada fin de semana. Pero máis aló de falar da euforia contida, o técnico granate quixo facer fincapé no que vén defendendo desde hai semanas: o Pontevedra está na boa liña. "Se o equipo non estivese mentalmente preparado e coa confianza precisa, non sacaría adiante o partido (cun home menos desde o minuto 34 e acabando con nove)".

Deste xeito, Luismi Areda deu continuidade ao seu discurso das últimas semanas xa que o 0-1 ante o Oviedo Vetusta "demostra que o equipo está mentalmente ben". Ademais, o técnico non quere colocar a primeira vitoria fóra de casa como "un punto de inflexión" porque "o Pontevedra non fora un desastre ata agora". O que si recoñeceu é que o triunfo "dá tranquilidade" ao equipo e permite facer ver aos xogadores que "a mensaxe do corpo técnico funciona". "Se seguimos confiando nel e traballando como ata agora, os resultados chegan", destacou.

Así mesmo, para Luismi a clave do triunfo non estivo en que o equipo se soltase máis tras a expulsión, senón en que "o nivel de concentración se elevou ao máximo". "Cun home menos xa non te podes permitir negociar ningún esforzo. A solidariedade é aínda maior porque tes que cubrir máis espazo", dixo.

"Se o equipo non estivese mentalmente preparado e coa confianza precisa, non sacaría adiante o partido en Oviedo", di o técnico do Pontevedra

Tras o choque contra o B oviedista, o PCF continúa o seu particular tour contra equipos filiais este domingo ante o Atlético de Madrid: "O calendario foi caprichoso porque temos cinco seguidos. Toca así e xa está, non cambia nada. Sabemos que son equipos que se teñen o día pódencha liar porque saen a xogar sen presión e o seu obxectivo é, competindo, sacar xogadores para o primeiro equipo. Pero tamén son conxuntos moi novos que poden pagar a novatada".

Curiosamente, o Pontevedra logrou dous das súas tres vitorias contra filiais (Sporting B e Oviedo B). "Creo que é algo anecdótico, aínda que evidentemente esa experiencia que temos no equipo tense que notar dalgunha forma neste tipo de partidos. O Pontevedra debe demostrar que é capaz de dominar estes partidos", sinalou Areda.

Sobre se xogar contra futbolistas máis novos abre a posibilidade a que o técnico vigués dea minutos aos xogadores con menos experiencia, Luismi teno claro: "Non. A min non me dá máis medo pór a un mozo novo contra o Eivissa que contra o Atlético B, por exemplo. Coñecédesme e sabedes que aposto polos mozos, pero sempre en base ao rendemento. Se compiten, non miro o DNI".

O ATLETI, PERIGOSO. Xa en referencia ao choque do próximo domingo ante o filial colchoneiro, Areda apuntou que é un equipo que "cambiou bastante con respecto ao ano pasado". A pesar diso, avisou que é unha escuadra que "sempre compite porque é unha das mellores canteiras", como demostra o feito de que chegará a Pasarón "en postos de play-off de ascenso".

Mejía, xa en forma; Adighibe, "moito mellor" 
A preguntas dos medios de comunicación, Luismi Areda tamén valorou o momento de varios xogadores do seu persoal. Sobre Mejía, destacou que "xa ten ritmo". "Demostrouse o seu nivel. Adaptouse moi ben ao lateral dereito e libroume dun cambio", apuntou o técnico, que destacou que era necesario que cando chegou fixese esa minipretemporada porque lle faltaban sensacións". Pese ao bo nivel do hondureño no lateral dereito como solución de urxencia en Oviedo, Luismi deixou claro que o ve única e exclusivamente como opción para o centro do campo. 

Doutra banda, sobre Adighibe explicou que "adestra sen dor desde hai dúas semanas" e iso é "moi importante" para que poida coller nivel. "Xa está moito mellor. Ata agora penalizáronlle moito eses problemas de nocello", apuntou. Sobre a súa suplencia ante o Vetusta, destacou que foi "unha decisión de partido" porque o corpo técnico quería utilizalo nos últimos minutos para gañar presenza ofensiva. 

Para rematar, en relación a Álvaro Naveira, desaparecido das convocatorias nas dúas últimas semanas, admitiu que está contento co rendemento de Álex González no posto de lateral esquerdo. "Á hora de compoñer o banco buscamos equilibrar as posicións de recambio con xogadores de todas as liñas e polivalentes", apuntou sobre a ausencia do defensor coruñés, que é lateral específico.

Comentarios