O fútbol autonómico arrincará a finais de marzo, con formato exprés e sen descensos

A inscrición será voluntaria
La reunión de la comisión delegada de la RFGF
photo_camera A reunión da comisión delegada da RFGF

A Real Federación Galega de Fútbol aprobou este venres o inicio das competicións autonómicas a finais de marzo, cun formato exprés e sen descensos.

En fútbol arrincará a tempada nas categorías Preferente, 1ª División Feminina, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Liga Galega Infantil Feminina.

En fútbol sala as competicións que se iniciarán son Preferente masculina e feminina, Liga Galega Xuvenil masculina, División de Honra Cadete, e as ligas Galegas Cadete, Infantil e Alevín tanto masculinas como feminina. A inscrición en todas estas categorías será voluntaria. 

Sobre o resto de categorías do fútbol base, feminino e fútbol sala, a RFGF realizará unha rolda de consultas cos distintos comités a próxima semana para abordar unha posible reactivación das competicións.

A comisión delegada de RFGF adoptou esta decisión tras a entrada en vigor o&mércores nbsp;da nova orde da Consellería de Sanidade que modifica as medidas sanitarias en Galicia 

"En base á decisión adoptada polo Comité Clínico e publicada pola Xunta de Galicia no Doga, a Real Federación Galega de Fútbol decidiu retomar a activación das principais categorías autonómicas que xa tiñan o inicio programado para finais de xaneiro antes da suspensión temporal de todo o deporte galego por parte da Xunta de Galicia. Pero como a situación cambiou logo destas case catro semanas de paralización, a RFGF entende que as condicións son diferentes ás aprobadas pola Comisión Delegada en xaneiro, e por iso elevou este venres unha nova proposta ao órgano representativo da Asemblea Xeral para a súa aprobación", indica a RFGF nun comunicado. 

A proposta aprobada
1. As competicións terán unha configuración exprés (duración de 10 a 16 semanas)

2. Iniciaranse a finais de marzo as seguintes categorías: 

Fútbol: Preferente Galicia, 1ª División Feminina, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e tamén se suma a liga Galega Infantil Feminina.

Fútbol sala: Preferente masculina e feminina, Liga Galega Xuvenil masculina e feminina, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete masculina e feminina, Liga Galega Infantil masculina e feminina e Liga Galega Alevín masculina e feminina. 

3. Os efectos clasificatorios das competicións tenderán a dirimir os correspondentes ascensos, pero sen descensos, sen que iso impida a posibilidade de descensos administrativos a modo de sanción pola comisión de infraccións graves que estipularon ese castigo: tres incomparecencias ou retirada do equipo unha vez inscrito e con calendario aprobado.

4. Ábrese un novo prazo de inscrición voluntaria dos equipos con motivo da modificación substancial das condicións da competición, sen que a falta de inscrición de equipos teña consecuencias disciplinarias. No caso das categorías inicialmente activadas, este prazo comeza hoxe e manterase aberto ata as 23:59 horas do próximo venres día 26 de febreiro. 

5. Á vista da tardía data de inicio das competicións debido ás medidas adoptadas polas autoridades sanitarias a causa da pandemia, así como en previsión de posibles suspensións temporais por causas de forza maior, acórdase que o final da tempada podería ir máis aló de 30 de xuño . 

6. Esta tempada 2020/2021 non haberá cobertura de vacantes no suposto de renuncias por non inscrición nas distintas categorías debido á necesidade de acomodar as categorías aos seus formatos anteriores ás circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia. 

7. Esta tempada 2020/2021 non rexerá ningún límite de xornadas para que se permita o cambio da orde de campos prevista no artigo 104.1. g) do Regulamento Xeral.

 

Comentarios