O futuro do ciclismo cítase en Pontevedra

Catrocentos deportistas participarán o domingo na VI edición do Mini BTT Comunidade de Montes de Salcedo
Un momento da presentación. Foto cortesía
photo_camera Un momento da presentación. Foto cortesía

Máis de catrocentos ciclistas participarán o próximo domingo na VI edición da Mini BTT Comunidade de Montes Salcedo. A proba principiará ás dez da mañá no chan da parroquia pontevedresa.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presentou este xoves, acompañado por Brais Dacal, director xeral do Club Farto, e Anxo Gómez, coordinador da sección de BTT, unha proba que xa "é un clásico do noso verán dentro das probas deportivas e de bicicleta que se celebran no noso Concello e estamos encantados de que se siga contando con nós para levala a cabo", sinalou o edil.

A organización e o propio concelleiro destacaron o aspecto lúdico integrado dentro do competitivo dunha proba que ten un interese e unha repercusión crecente.

O Club Farto confirmou que serán preto de 400 participantes os que estarán presentes na proba, cunhas idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, divididos en tres categorías diferentes, o que derivará en tres saídas e tres quendas diferentes.

Brais Dacal lembrou a importancia da sección BTT dentro do club, xa que a metade das 125 licenzas coas que conta a entidade pontevedresa son desta modalidade. "Sacar adiante esta proba énchenos de honra, pois somos un dos motores do ciclismo galego e da cidade de Pontevedra. Estamos orgullosos do noso esforzo e dos patrocinadores e, por suposto, de todos os voluntarios, pais e nais, amigos do club, que nos axudan a que isto poida ser un éxito", sinalou o director deportivo da entidade lerezana, coñecedor das habilidades que a BTT permite desenvolver e que poden ser aplicables ao ciclismo de estrada.

Pola súa banda, Anxo Gómez comentou que esta é unha actividade "ao aire libre que se vive na natureza", polo que ten un extra que o diferenza doutras disciplinas deportivas, engadindo ese coñecemento e gozo do espazo natural e da súa conservación. "É un traballo conxunto o que permite que a sección BTT siga medrando e poida facer probas deste tipo".

Comentarios