Gómez Noya volve á carga

O pentacampión do Mundo retorna á preparación para afrontar o Mundial ironman de Niza, gran obxectivo da temporada
Javier Gómez Noya adestrando con Víctor Riobó en Pontevedra. DP
photo_camera Javier Gómez Noya adestrando con Víctor Riobó en Pontevedra. DP

Javier Gómez Noya volverá á acción durante esta primavera, despois de varios meses parado por problemas físicos. O pentacampión do Mundo de tríatlon fixo públicas as súas intencións durante a celebración do Media Maratón de Madrid, evento esponsorizado por un dos seus patrocinadores e no que saíu a "rodar" na proba curta, de 5,8 quilómetros, ao lado de campións atléticos do maratón español e internacional como Chema Martínez e Abel Antón.

"Correrei un Ironman en xuño para clasificarme para o mundial, que será en setembro. Esa será a miña gran carreira do ano", explicou o ferrolán en declaracións para a organización ao remate da proba madrileña.

O campionato do Mundo disputarase na localidade francesa de Niza e para ela deberá desenvolver a súa posta a punto durante a primavera. O campión do Mundo leva sen participar nunha competición oficial da modalidade desde xaneiro de 2022. Xa van 15 meses sen poñer un dorsal. Cando volva vestir de curto, se se cumpren as súas previsións e todo corre como está previsto, pasarán 18 meses.

O que non especificou Gómez Noya foi a data e proba exactas nas que se producirá o seu retorno á competición.

Hamburgo, Cairns (Australia) ou Austria son algunhas das posibles citas nas que se levará a cabo a reaparición do campión galego se todo evoluciona como está previsto. A competición de Niza será o 10 de setembro o que anulará calquera posibilidade, por se cabía, de que o medallista olímpico poida tomar parte nas Finais das Series Mundiais de Pontevedra, suposto que ademais non só dependería da súa decisión, senón da expedición dunha wild card por parte da organización.

Durante os últimos tempos, o pontevedrés estaba a vivir en Nova Zelandia, onde gozou tamén do nacemento do seu primeiro fillo. As lesións e a Covid que padeceu o ano pasado arruinaron a campaña 2022 dun dos máis grandes deportistas galegos de sempre.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios