Gustavo Dacal volve a Galicia

O caldelán retornará de México por mediación da Xunta de Galicia ▶ Seguirá a rehabilitación na Unidade de Lesionados Medulares do Chuac da Coruña
Gustavo Dacal. ARQUIVO
photo_camera Gustavo Dacal. ARQUIVO

Gustavo Dacal chegará a Galicia o 14 de febreiro. O pontecaldelán regresa ao país en avión para poder seguir adiante coa súa rehabilitación nas mellores condicións sanitarias. Está previsto que o voo no que se desprace o ex-campión de España de atletismo aterre no aeroporto de Alvedro da Coruña ese mesmo día ás 8:40 da mañá. Ademais dos familiares e amigos que se acheguen a recibilo á terminal, esperarao unha ambulancia para trasladalo ao Hospital da Coruña. Alí seguirá co proceso de recuperación, xa baixo supervisión do persoal do Sergas.

A Xunta de Galicia correrá cos gastos que implica a repatriación do deportista, que se atopa nestes intres en Veracruz, nas primeiras semanas do proceso de rehabilitación, tras obter a alta hospitalaria na localidade mexicana.

As condicións nas que estaba a producirse o proceso de rehabilitación en México non eran as idóneas, toda vez que se atopaba no domicilio coa súa esposa, sen os materiais e elementos ideais para facilitar o seu cuidado e mellora e sen a atención profesional permanente das que si poderá gozar grazás á atención do Sergas.

O ex lanzador de xavelina conta xa cos billetes de avión fornecidos polo Goberno galego. Está previsto que a viaxe que acometerá teña unha duración de 18 horas e 50 minutos. A iso hai que sumar os desprazamentos por estrada desde o lugar de partida ao aeroporto, desde o aeroporto de chegada ao lugar de destino e os tempos de espera na terminal de orixe.

Dacal afrontará unha longa viaxe para retornar desde Veracruz, pero non o fará só. O Goberno galego desprazará unha enfermeira para poder supervisar o tratamento de Dacal durante o longo traslado e nos días previos. Tamén pon a disposición dun acompañante os billetes para complementar o labor asistencial profesional. A enfemeira e o acompañante tirarán para alá o 8 de febreiro.

Despois de varios contactos coa administración autonómica, encarnada no delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, os compañeiros e familiares de Dacal pecharon esta acción.

O Sergas encargarase do tratamento de rehabilitación de Dacal. Nos próximos meses permanecerá ingresado na Unidade de Lesionados Medulares do Chuac (Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña) coa fin de obter os maiores avances.

O ex recordman de España leva máis de dúas semanas de alta hospitalaria, cunha importante mellora das diferentes cirurxías ás que foi sometido na zona abdominal, coa normalización da súa dixestión e alimentación e unha notable recuperación da forza no tren superior, aínda que sen grandes avances na mobilidade e sensibilidade do tren inferior.

Dun falso dengue á viaxe de regreso

Un falso positivo en dengue, catro cirurxías, tres hospitais e o inicio do proceso de rehabilitación marcan a vida en menos de dous meses de Gustavo Dacal, que hoxe intenta recuperar a mobilidade perdida nas pernas e retornará a Galicia o próximo 14 de febreiro.

7-12: comeza o pesadelo

O 7 de decembro do ano pasado, Gustavo Dacal comeza a ter fortes dores lumbares.

9-12: dengue

O caldelán asiste a unha clínica na que fai unhas análises que determinan que é positivo por dengue. Dacal é devolto á casa con tratamento para a enfermidade.

13-12: Primeiras Operacións

A dor increméntase e acode á Clínica San Luis de Veracruz, na que sospeitan que se trataba dun falso positivo por dengue e padece diferentes afeccións abdominais. É intervido de apendicite aguda e de megacolon.

18-12: Operado das costas

Despois de detectárselle unha espondilodiscite infecciosa nas costas que lle impide mover as pernas é trasladado ao Hospital de Beneficencia Española de Veracruz, onde o operan da columna.

22-12: Última cirurxía

Dacal é obxecto dunha ileostomía durante catro horas despois de serlle detectado un delicado problema intestinal.

26-12: Alimentación oral

O caldelán comeza a nutrirse por vía oral despois de moitos días facéndoo por vea. Evoluciona ben.

08-01: Novo traslado

As diferentes xestións realizadas en México e desde Pontevedra permiten que o caldelán sexa desprazado a un hospital gobernamental, onde os gastos económicos do seu tratamento se reducen de forma drástica.

19-01: Alta hospitalaria

Dacal abandona o hospital para seguir co tratamento no domicilio mexicano coa súa esposa.

14-02: Chegada a Galicia

O caldelán aterrará na Coruña o 14 de febreiro ás 8:40.

Pontevedra mobilizada polo exatleta
Cando chegue ao aeroporto de Alvedro na Coruña, Gustavo Dacal poderá volver encontrarse con súa nai e a súa xente de Galicia. A mobilización capitaneada pola súa familia e os seus amigos puxo de manifesto o agarimo que a sociedade do atletismo a as persoas cercanas ao excampión de España lle gardan.

Unha das chaves do problema de saúde de Gustavo Dacal non radicou exclusivamente no aspecto sanitario, senón no económico. O pontecaldelán carecía de seguro médico privado mediante o que puidese recibir tratamento nos centros de saúde e clínicas mexicanas.

O problema naceu na época post-Covid19, momento no que os recortes na institución para a que traballaba Dacal, o Instituto Veracruzano do Deporte, lle fixeron renunciar á mutualidade privada. Desde ese momento, o núcleo de amigos cercanos a el volcáronse co ex atleta, primeiro mediante unha achega económica directa desde as súas contas e posteriormente mediante a creación dunha conta solidaria na que as persoas que o desexasen puidesen facer as súas doazóns libres.

O mundo do atletismo, coa Federación Galega e os clubs pontevedreses á cabeza, organizou accións solidarias, como o control de marcas do CGTD ou a furna solidaria da San Silvestre. Os seus veciños e o concello de Ponte Caldelas tamén se volcaron con diferentes eventos para recadar fondos, como o festival do pasado domingo no colexio de Ponte Caldelas.

Ademais diso, os amigos e familiares realizaron importantes xestións coas administracións e atoparon colaboración de persoas como o Bruxo, Xosé Luis Torrado, para axudar a Dacal desde a distancia.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios