Historia viva de Pontevedra

Santiago Ferrer Moreira cumpre 50 anos como membro da Sociedad Gimnástica. Medallas como atleta en combinadas deixaron paso a un currículum envexable como técnico
Santi Ferrer sobre o tartán do CGTD. RAFA FARIÑA
photo_camera Santi Ferrer Moreira xunto a Víctor Gallego e o seu fillo Santi Ferrer. RAFA FARIÑA

Hai persoas que forman parte da historia e outras que ademais a escriben. Santiago Ferrer Moreira é dos segundos. O adestrador e atleta da Sociedad Gimnástica vén de cumprir medio século como parte indispensable do decano do deporte pontevedrés. Un club que non se podería comprender tal e como funciona actualmente sen a súa presenza.

Foi grazas á Gimnástica que Ferrer Moreira alcanzou a súa plenitude deportiva, que desenvolveu a súa faceta como atleta e tamén como técnico, o que lle permitiu converterse nun adestrador de prestixio en España, técnico da Federación Española desde hai máis de 30 anos e un referente de Galicia.

Cando tiña 14 anos aconteceu algo que fixo que a natureza seguise o seu curso. O 11 de febreiro de 1972, Ferrer era xogador do Cisne de voleibol e agardaba por un amigo da Gimnástica a que rematase o seu adestramento. "Xogabamos na pista do pavillón municipal e a continuación de nós entraban os deportistas da Gimnástica. Había unhas canastras e mentres eu esperaba, a xente xogaba a baloncesto. Un adestrador da Gimnástica invitoume a xogar con eles", relata botando unha ollada ao pasado, ás orixes, ao momento que mudou a súa relación co deporte para sempre. O mesmo adestrador que o invitou a xogar viu que tiña unha gran forza e díxolle de probar coa Gimnástica. E aceptou.

Durante un ano compaxinou atletismo e voleibol, para despois centrarse no atletismo, "no voleibol eramos moitísimos. Eu era pequeno e gordiño e non me vía alí. Sentinme máis útil no atletismo e decateime de que empezaba a traballar para min. Gustoume e fiquei".

 

Especialista en decatlón

Santi Ferrer lanzando xabalina na súa xuventude. CEDIDA
Santi Ferrer lanzando xabalina na súa xuventude. CEDIDA

Ferrer Moreira principiou realizando lanzamentos e velocidade. E non tardou en atopar o espazo real no que brillaba: as probas combinadas. "No primeiro campionato galego acabei de último", lembra sobre a sua primeira grande experiencia competitiva na que sería a súa gran proba. "Entroume o amor propio e pensei que se os demais o facían, eu tamén. Adestrei mellor e ao ano seguinte xa fun campión galego e campión de España xúnior da miña categoría", e sexto absoluto. Aquilo aconteceu en 1976. Era o anuncio dun atleta duro e tenaz de verdade.

Ferrer facía os mesmos puntos en case tódalas probas menos no peso (o seu punto fraco). "Era moi regular, dentro das condicións que había daquela". As súas prestacións fixeron que chamase a atención dos clubes de España. O Ministerio del Ejército, club de División de Honor de Madrid, fichouno. Na capital de España pasou o servizo militar.

Un dos momentos intensos que viviu coa Gimnástica foi xusto ao remate da súa estancia en Madrid. Ferrer participou na final de División de Honra cando estaba a rematar a mili. Á semana seguinte, xa coa Gimnástica, tomou parte no triunfo da final do Campionato de España de Terceira División. "Foi un momento moi bonito. Son os primeiros e os que máis ilusión che fan": Campión de dúas categorías en sete días.

 

Técnico de vocación

En 1979, Ferrer puña a andar as escolas de atletismo de Pontevedra e comezaba o seu traballo como adestrador. Porque, aínda que sempre terá espírito de atleta, hoxe é recoñecible, ante todo, pola súa faceta como preparador. Durante once anos estivo adicándose a formar aos rapaces nos seus primeiros pasos como deportistas.

Viu ata 47 podios dos seus atletas en campionatos de España, dirixiu competidores internacionais e sobre todo gozou da satisfacción de comprobar a progresión na aprendizaxe e a disciplina.

Como atleta, encadeou trece temporadas entre os dez primeiros do campionato de España de probas combinadas

En 1997 tocoulle o ascenso a División de Honra co equipo feminino. No século XXI viñeron o ascenso e a consolidación do equipo masculino na máxima categoría e o salto do conxunto feminino a Primeira División. "Ao logralo nunhas condicións que foron dificilísimas e co comportamento das atletas, foi a única vez que chorei no mundo do atletismo. Era un logro moi emotivo. Tiña moitas cousas detrás". Aquilo foi en 2017.

Santi Ferrer, sobre o tartán do CGTD. RAFA FARIÑA
Santi Ferrer, sobre o tartán do CGTD. RAFA FARIÑA

O logro da estabilidade

Ferrer ten claro que o traballo da Gimnástica é motivo de orgullo. "Témonos que aplaudir. Estamos a traballar ben en equipo. Temos unha orde, unha estrutura enriquecedora, con bo ambiente. Somos un club consolidado".

Por mor diso, non concibe a súa vida actual sen o atletismo. "Forma parte da miña vida. Cando o vou deixar? Cando pare o reloxo. Non teño motivo para facelo. Cando non o deixei xa, non creo que o vaia facer agora".

Superou obstáculos e soubo compatibilizar o atletismo cos estudos, o traballo ou a familia e "agora hai unha estabilidade que fai máis fácil seguir. Mentres dure este equipo tan marabilloso que temos, non hai motivo para derrubarnos", expresou.

Abriu as escolas de atletismo da Gimnástica en 1979, cando comezou a traballar para o club na súa faceta de adestrador

Dentro do equipo brilla a saga dos Ferrer. O seu fillo Santi e os seus sobriños Lucía é David demostran que o atletismo lles circula polas veas. "O segredo do atletismo é a constancia e a perseverancia. Tamén require xenética... E o talento, o talento está na capacidade de competir e superar situacións. Nós, talentosos, se cadra non somos. Pero o noso é a constancia, o traballo".

O seu fillo é técnico do club e segue os seus pasos con idéntica vocación. "É un orgullo e percibo que lle gusta. A vida ten sentido se fas o que che gusta. Cando estás a gusto, é felicidade e nada máis".

 

Catro presidentes e un método

O seguinte fito que busca Ferrer Moreira é chegar ao centenario do club, en 2027. Nestes 50 anos coincidiu con catro presidentes, José Luis Vidal, actual presidente de honra do club, en dúas etapas, Francisco Villa Moreira, Ramón Touza e Charo Castro.

Santi Ferrer, sobre o tartán do CGTD. RAFA FARIÑA
Santi Ferrer. RAFA FARIÑA

Viu o troco radical do atletismo e tamén do calzado, dos materiais e da antiga pista de cinza do estadio que se converteu en tartán nos 80. A metamorfose do Estadio da Xuventude, que pasou a converterse en CGTD no 87 e foi modernizándose, deixando atrás as pistas polideportivas, as de tenis e as piscinas ao aire libre.

Os tempos tamén mudaron nos gustos e na forma de traballar nos deportistas. Antes ían á praia ou ao monte en grupos de 35 atletas para prepararse, agora non é tan sinxelo conseguir que os deportistas troquen a pista por eses escenarios.

Ferrer é unha persoa metódica, como demostra o feito de que teña un arquivo con tódalas marcas dos atletas que compiten ou competiron ás súas ordes. A día de hoxe alcanza os 18.904 rexistros.

O seu método tamén inclúe tradicións: desde hai anos, o 1 de xaneiro un grupo de atletas da Gimnástica se reúnen á mañá para iren xogar un partido de fútbol na praia e tomar o primeiro baño do ano. O frío non existe para el, que xa hai anos que xubilou a auga quente das súas duchas.

E dentro da súa fórmula para manter a forma, sae correr sempre o día que fai anos. Pero non dunha maneira aleatoria. Non. Corre tantos minutos como anos cumpre. E despois toma unha instantánea do momento na mesma tenda de fotos. Comportamentos que o fan eterno.

comentarios