O idilio de Santi co podio

Nunha tempada atípica, o xinete pontevedrés asinou un segundo posto na Copa Galicia e agora xa ten a mira posta no Poniclub que se celebrará en Madrid a final de ano
2020091612481539456
photo_camera Santi Reverendo sobre o seu pónei. DP

Nunha tempada tan marcada pola pandemia, na que moitos deportes se han sumando nunha eterna espera para volver ás competicións e na que moitos deportistas se sentiron perdidos, Santiago Reverendo puido volver demostrar que, á súa curta idade, pode sobrepoñerse a todo o que se lle poña por diante e continúa aumentando o seu palmarés.

O seu último logro chegou na Copa Galicia que se disputou en Mondariz e onde conseguiu un segundo posto "na categoría C co poni Bela Bambina" que lle permitiu "demostrar o desempeño dos outros concursos da tempada", explica a súa nai.

Neste Campionato Galego, Santi participou en dúas categorías. Por unha banda, fíxoo na "B co seu poni Mickey Mouse, onde chegou á final, pero un pau arrebatoulle a posibilidade de facer podio" e, por outro "con Bela Bambina, que non é seu, pero prestáronllo", participou nunha categoría de máis altura, onde conseguiu levar a medalla de prata.

O novo xinete leva competindo desde o pasado mes de xuño. "Ao ser un deporte moi individual fomos dos primeiros deportes que puidemos volver á competición. Cunhas normas moi axustadas, pero puidemos regresar", explica a nai de Santi.

A pesar da súa curta idade ten un amplo palmarés ás súas costas que puido ampliar este ano

Desde o reinicio da competición tras a pandemia, o pontevedrés disputou "algunhas fases da liga norte, competicións na Coruña e en Vigo", así como o Campionato de España. Polo momento non sufriu ningunha cancelación no calendario a pesar de que "as competicións que se paralizaron no mes de marzo, como o torneo de Casasnovas ou a Infanta Elena, aínda continúan sen data".

INICIO CORRECTO. Co retorno da actividade deportiva, Santi volveu subir ao podio en varias ocasións, como leva facendo moitos anos. A pesar da súa curta idade ten un amplo palmarés ás súas costas que puido ampliar este ano.

"A pena que nos queda é non poder conseguir nada no Campionato de España", explica a súa nai. O pasado ano foi oitavo no Nacional, pero esta tempada "o seu poni chegaba cunha sobrecarga muscular e, a pesar de que se clasificou para a final, non chegaba ao 100% e o resultado non foi o esperado".

Agora, o novo xinete continúa a súa preparación para a próxima cita importante do seu calendario. Entre cella e cella ten o Poniclub, unha competición de ámbito nacional "exclusiva para ponis" e que se celebra en Madrid a finais de ano.

O pasado mes de decembro Santi foi segundo neste exclusivo "e apaixonante" torneo e este ano xa se atopa adestrando con miras a ese torneo, no que espera repetir éxitos.

Nin o feito de competir contra rivais maiores ca el, nin as esixentes medidas sanitarias obrigatorias para levar a cabo as competicións, nin o feito de estar parado varios meses debido á crise, son capaces de frear este xinete que, aos poucos, continúa aumentando o seu palmarés e gozando da súa gran paixón xunto ao seu poni Mickey Mouse,

Comentarios