A ilusión do regreso ao cole

O Pontevedra comeza a temporada na nova Segunda División RFEF medíndose en Pasarón contra o Compostela
Javi Rey durante o partido de pretemporada contra o Vilalonga. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Javi Rey durante o partido de pretemporada contra o Vilalonga. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Pontevedra comeza este domingo pola tarde unha nova temporada. Nova de todo. Categoría nova e descoñecida, chea de rivais novos e descoñecidos (moitos deles enfrontaranse por primeira vez ao cadro granate, moitos xogarán por primeira vez un partido de Liga fóra da súa comunidade autónoma). Un adestrador novo, con xogadores novos. Pasarón cun novo aspecto, xa libre de restricións Covid-19 que restrinxan ostensiblemente o acceso dos seareiros. Novo ata en dimensións, con algún metriño de menos ao longo. Ata o número de adversarios e o mes de comezo son novos. Había 20 anos que a Liga non principiaba en setembro.

Hai certa fame de fútbol no ambiente a pesar de que os tempos mudaron e as afeccións xa non son que o foron. A motivación de sentirse libre no fútbol, de voltar empezar, de ver por fin ao Pontevedra na casa como un domingo calquera, pesa máis que nada.

Para comezar, o once granate recibe ao Compostela. Con tódolos seus efectivos menos Rufo, sancionado da temporada pasada. Ángel Rodríguez terá que encomendarse a Charles na dianteira en ausencia do seu ariete de cabeceira. O equipo de saída presenta certas incógnitas que resolver, non só nos nomes, senón no debuxo.

Ángel Rodríguez dispón de tódolos seus homes excepto Rufo, sancionado desde o remate da temporada pasada

Non sería de estrañar que o preparador leonés concedese todo o centro do campo a Javi Rey, rodeado por diante e por detrás de cadansúa liña de catro elementos, nun 1-4-1-4-1.

COÑECIDOS. Varios exxogadores compostelanistas nas ringleiras granates (Soto, Brais Abelenda e Seoane) e un par de exgranates no Compos (Josiño e Jimmy) perfilan un encontro de múltiples motivacións, un derbi que non alcanza categoría de clásico pola teima que sempre tivo o Compostela de andar a mudar constantemente de categoría para non cadrar co PCF na mesma.

Iso si, o Pontevedra intentará poñer fin á seca que o asola diante dos santiagueses: nunca os bateron en Pasarón no que vai de século. Iso tamén sería novo. Unha boa maneira de arrancar na nova categoría, que o Pontevedra está tan encantado de coñecela como desexoso de perdela de vista ao remate da súa primeira experiencia xuntos.

Comentarios