Luisito: "É imperdoable. Teño unhas ganas de chorar que non é normal"

Destacou a cantidade de ocasións que os seus xeraron ata o 0-2, pero incidiu na falta de acerto de face a gol
Luisito, durante un partido. RAFA FARIÑA
photo_camera Luisito, durante un partido. RAFA FARIÑA

Luisito recoñeceu despois do partido sentirse "o seguinte a desgustado". "Se son sincero, teño unhas ganas de chorar que non é normal. Eu estaba a gozar co equipo desde o banco pola cantidade de ocasións que xerabamos. Pero algo me barruntaba, porque cando fallas tanto ao final o rival sempre pódeche facer algo. é imperdoable", reflexionou o técnico de Teo.

O adestrador do Pontevedra foi crítico coas accións dos tantos en contra: "De poder gañar 0-8, métenche dous goles que son de risa. Engánchannos nunha contra na que, gañando 0-2, centran dun lado e métenche no segundo pau o 1-2. Despois meten o segundo nunha xogada na que, o meu porteiro di que foi falta, pero na segunda xogada marcan de chilena. Non podes ir fóra de casa, poder ir gañando 0-8 e que che empaten a dous. Cando estás abaixo é por algo". 

Estaba a gozar co equipo desde o banco. Pero algo me barruntaba, porque fallas tanto o rival sempre pódeche facer algo

Luisito, moi duro cos seus, tamén se referiu ás oportunidades falladas: "Fallamos ocasións incribles. Ata tivemos o 2-3 cun remate de Rufo co porteiro batido e botouna fóra. Na primeira parte puidemos finiquitar o partido e na segunda, nos primeiros 15 minutos, tamén tivemos tres ocasións antes do 0-2 incribles. Non podes fallar a cantidade de ocasións que fallamos, porque ao final págalo". 

O doído preparador do bloque lerezano non puido evitar mencionar unha última xornada con tinguiduras dramáticas: "Pido perdón á afección por chegar ata o final así. Este é o destino meu co Pontevedra, hai que sufrir". Aínda que entre todo o malo quixo ser optimista: "Ao final ímonos a levar unha alegría, iso téñoo moi claro". "Só vale gañar; ou o Oviedo ou nós, non hai máis", engadiu, consciente de que non se pode cometer o mesmo erro outra vez máis: "Se estamos como estivemos, non imos ter a desgraza deste partido. Pero hai que querer o balón e xogar como xogamos este sábado. A pena é que o árbitro nos hipotecou cos cartóns, porque Oier viu a quinta", concluíu.

De poder gañar 0-8, métenche dous goles que son de risa. Engánchannos unha contra, centran dun lado e meten no segundo pau o 1-2

CLEMENTE SÁNCHEZ. O adestrador do Lealdade non ocultou sentirse "triste" tras unha igualada que, sumada a outros resultados da matinal, supuxo o descenso matemático do seu equipo. "Estou moi orgulloso dos meus futbolistas, que nunha situación moi complicada deron a cara ata o final. Falaramos que tiñamos que dar a cara e facer o noso traballo. Viuse que pelexamos ata o final e incluso con iso 0-2 en contra que parecía xa imposible", comentou.

O técnico aplaudiu a actitude dos seus, unha forma máis que digna de caer: "É doloroso un descenso de calquera xeito, pero doe menos cando a menos dás a cara e ves que o equipo o intenta todo. Doeume moito máis se vexo que o equipo baixa os brazos e afrontase o partido do sábado coma se nada tivese que facer". 

Pido perdón á afección por legar ata o final así. Este é o destino meu co PCF, hai que sufrir. Ao final ímonos levar unha alegría

O Coruxo e o Salamanca sálvanse
A penúltima xornada das ligas pola permanencia deixou a certeza de que o Coruxo quedará na Segunda RFEF e o Salamanca CF UDS probablemente tamén. O conxunto vigués foi capaz de conseguir no Requexón o punto que lle facía falta para conseguir a permanencia, ao empatar (1-1) fronte ao Oviedo Vetusta, rival do PCF na decisiva final pola permanencia o vindeiro domingo ás 12.00 horas. A igualada do cadro vigués, ademais, permite aos granates afrontar o duelo por diante da filial e sabendo que lle valerá o empate tras a vitoria do Villarrubia ante Las Rozas (1-0) no Grupo 5, xa que o conxunto granate non será o peor terceiro con 32 puntos.
Ese resultado tamén salvou definitivamente ao Salamanca CF UDS, que pola mañá si fixera os seus deberes ante o Covadonga (1-2). O equipo salmantino foi capaz de reporse á igualada de Jaime Álvarez ao fío do descanso. Co seu triunfo e o empate do PCF, o Salamanca sitúase por primeira vez por diante do cadro granate.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios